Ordenanza
ARTIGO 1.- FEITO IMPOÑIBLE.
- 1. O Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras é un tributo indirecto cuxo feito impoñible está constituído pola realización, dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, teñan ou non a devandita licenza, ou para a que se esixa presentación de declaración responsable ou comunicación previa, sempre que a expedición da licenza ou a actividade de control corresponda ao concello da imposición.
- 2. As construcións, instalacións, ou obras ás que se refire o apartado anterior poderán consistir en todos aqueles actos suxeitos a licenza segundo o previsto na Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia, en particular:
- a) Obras de nova planta e ampliación de construcións existentes.
- b) Obras de modificación ou de reforma tanto as que modifiquen a disposición interior como o aspecto exterior.
- c) Instalación de rótulos e letreiros.
- d) Peche de terreos.
- e) Obras en cemiterios.
- f) Obras e instalacións industriais.
- g) Calquera outra construción, instalación ou obra que requira licencia urbanística.
ARTIGO 2.- SUXEITOS PASIVOS.
- 1. Son suxeitos pasivos deste imposto a título de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro xeral tributaria, que sexan donos das construcións, instalacións ou obras, sexan ou non propietarios dos inmobles sobre os que se realicen aquelas.
A estes efectos, terá a consideración de dono da construción, instalación ou obra quen soporte os gastos ou custos que supoña a súa realización.
- 2. No caso de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte terán a condición de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte quen soliciten as correspondentes licenzas ou presenten as correspondentes declaracións responsables ou comunicacións previas ou quen realicen as construcións, instalacións ou obras.
O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.
- 3. Os substitutos do contribuínte están obrigados a cumprir todas as obrigas tributarias relativas a este imposto incluída a de efectuar o ingreso das cotas en Arcas Municipais de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei xeral tributaria.
- 4. Nas solicitudes de licenza deberá constar especificamente, nome, DNI ou CIF e domicilio fiscal do dono do terreo, do dono das obras e da empresa construtora (1) .
(1) En relación con esta última, en caso de non estar designada, achegarase no momento da súa designación (artigo 2.2 da Ordenanza reguladora das taxas de licenza).
ARTIGO 3.- EXENCIÓNS E BONIFICACIÓNS.
- 1. Está exenta do pagamento do imposto a realización de calquera construción, instalación ou obra da que sexa o dono o Estado, as Comunidades Autónomas ou as Entidades Locais, que estando suxeita ao mesmo, vaia a ser directamente destinada a estradas, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamento de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por Organismos Autónomos, tanto se se trata de obra de investimento novo como da súa conservación.
- 2. Decláranse “de especial interese ou utilidade municipal” e gozarán dunha bonificación do 95% na cota do Imposto, de conformidade co artigo 103.2 a) do RDL 2/2004 as construcións, instalacións e obras realizadas sobre edificacións existentes, por iren destinadas ou implicar a eliminación de barreiras arquitectónicas. Esta bonificación aplicarase de forma exclusiva sobre o importe da cota que resulte de multiplicar o presuposto de execución material das obras especificamente destinadas á eliminación de barreiras arquitectónicas polo tipo impositivo.
- 3. Decláranse “de especial interese ou utilidade municipal” e gozarán dunha bonificación do 95% na cota do imposto, de conformidade co artigo 103.2 a) do RDL 2/2004 as construcións, instalacións e obras que realizadas pola Consellería de Educación e Universidades en ou para establecementos educativos que figuren ou vaian a figurar no inventario de Bens do Concello.
- 4. Decláranse “de especial interese ou utilidade municipal” e gozarán dunha bonificación do 50% na cota do Imposto, de conformidade co artigo 103.2 a) do RDL 2/2004 as construcións, instalacións ou obras destinadas ao desenvolvemento das actividades que tributan no Imposto de Actividades Económicas nos epígrafes 416.1 e 416.2: Fábrica de Conservas de Pescado e outros produtos mariños, 612.8: Comercio Maior de Pescados, Crustáceos, Moluscos e outros, 643.1: Comercio Menor de Pescado e outros Produtos da Pesca, Grupo 361: Construción e montaxe de vehículos automóbiles e os seus motores, Grupo 362: Construción de carrocerías, remolques e volquetes, Grupo 363: Fabricación de equipo, compoñentes, accesorios e pezas de reposto para vehículos automóbiles, Grupo 371: Construción Naval e Grupo 372 Reparación e e mantemento de buques.
- 5. Decláranse “de especial interese ou utilidade municipal” e gozarán dunha bonificación do 75% na cota do Imposto, de conformidade co artigo 103.2 a) do RDL 2/2004 as construcións, instalacións ou obras incluídas nos Plans Especiais de Protección e Reforma Interior de Bouzas e Casco Vello, así como nos edificios catalogados do PEEC, e nas Áreas de Rehabilitación Integrada.
Inclúense na Declaración de especial interese ou utilidade municipal con bonificación do 75% na cota no imposto ás ARIs de Casco Vello de Vigo, Bouzas, Santa Clara (Cabral), Bueu-Moaña (Coia), Beiramar, Espiñeiro (Teis), San Pablo e San Roque, e nos Contornos Residenciais de Rehabilitación Programada (ERRP) de Casco Vello, Bouzas, Santa Clara, Coia, Beiramar, Espiñeiro-Teis, San Pablo, San Roque, A Salgueira, descontinuo de Alcalde Lavadores, Canicouva e Escolas Públicas, Fenosa e O Gorxal.
- 6. Decláranse “de especial interese ou utilidade municipal” e gozarán dunha bonificación do 95% na cota do Imposto, de conformidade co artigo 103.2 a) do RDL 2/2004 as obras de reforma ou acondicionamento daquelas vivendas que sexan destinadas a alugueiro social e que conten con financiamento ou protección pública.
- 7. As obras, construcións e instalacións necesarias para a posta en funcionamento dun proxecto empresarial de interese municipal (PEIM) entenderanse de especial interese por concorrer a circunstancia de fomento de emprego e gozarán dunha bonificación na cota deste imposto do 50%, de conformidade co disposto no artigo 103.2 a) do RDL 2/2004 . Os suxeitos pasivos deste imposto aportarán coa solicitude da Licencia de Obras o correspondente acordo da Xunta de Goberno Local onde se cualifica a actividade como proxecto empresarial de interese municipal (PEIM).
- 8. Gozarán dunha bonificación do 50% da cota do Imposto as construcións, instalacións ou obras referentes a vivendas de protección oficial. Os solicitantes aportarán, xunto coa autoliquidación do Imposto, a correspondente cédula de cualificación de protección oficial e aplicarán directamente a bonificación, sen prexuízo da comprobación administrativa
- 9. Gozarán dunha bonificación do 30% sobre a cota, as construcións, instalacións ou obras consistentes na instalación de sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo. Non obstante, para o caso de construción de uso residencial, a porcentaxe de bonificación ascenderá ao 95%. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que se acredite que os colectores ou captadores dispoñen da correspondente homologación da Administración competente. Non se concederá esta bonificación cando a implantación destes sistemas sexa obrigatoria a tenor da normativa específica na materia.
Esta bonificación alcanzará exclusivamente á parte de cota correspondente as construcións, instalación e obras destinadas estritamente a dito fin. Para gozar da bonificación, deberase aportar pola persoa interesada un desglose do presuposto no que se determine razoadamente o custo que supón a construción, instalación ou obra á que se refire este presuposto.
- 10. Decláranse, “de especial interese ou utilidade municipal” e gozaran dunha bonificación do 95% na cota do imposto de conformidade co artigo 103.2 a) do RDL 2/2004 as obras de reparación, rehabilitación ou reforma a realizar na vivenda habitual de persoas que pola súa capacidade económica resultaren exentas da taxa de lixo vivenda de conformidade co disposto na ordenanza fiscal nº16.
- 11. Fora dos supostos enumerados nos apartados 2 a 8, e cando concorran razóns do artigo 103.2 a) do RDL 2/2004 , poderán declararse outros supostos como “de interese ou utilidade municipal”.
A “declaración de interese ou utilidade municipal” regulada neste apartado corresponderá ao Pleno da Corporación por maioría simple e fixará a contía da bonificación. A tal fin, de oficio ou a instancia de parte, deberá solicitarse do Pleno da Corporación a “declaración de interese ou utilidade municipal”, argumentando os motivos de dita solicitude.
As bonificacións reguladas nos apartados 2 a 9 teñen carácter rogado e deberán ser solicitadas polos suxeitos pasivos do imposto.
A solicitude deberá realizarse unha vez concedida a correspondente licencia de obra e dentro do prazo previsto para a presentación da correspondente autoliquidación do imposto.
A solicitude irá acompañada de copia da licencia de obra e presuposto desglosado das construcións, instalacións ou obras, ou daquela parte das mesmas, para as que se solicita a “declaración de especial interese ou utilidade municipal”.
Presentada a solicitude en prazo, o suxeito pasivo poderá practicar autoliquidación do imposto aplicando a bonificación solicitada de forma provisional e condicionada á resolución que a outorgue, previa constatación do cumprimento dos requisitos.
A tal fin, incorporarase informe técnico do departamento de Licencias en relación as obras que supoñan efectivamente eliminación de barreiras arquitectónicas no caso das obras a que se refire o apartado 2 deste artigo.
No caso das obras a que se refire o apartado 3, incorporarase informe favorable do departamento de Educación do Concello e informe do departamento de Patrimonio Municipal en relación á súa inclusión no Inventario de Bens do Concello.
No caso das obras a que se refire o apartado 4 contará con informe técnico favorable do Departamento de Licencias relativo á expedición de Licencia de Actividades e Instalacións, así como alta no censo do IAE nos epígrafes obxecto da bonificación.
No caso de obras a que se refire o apartado 5, informe favorable da Comisión de Seguimento do PEEC, Bouzas e Casco Vello.
A “declaración de interese ou utilidade municipal” quedará automaticamente sen efecto, sen necesidade de novo acordo en contrario, no suposto de que as obras que se realicen non se axusten á licencia concedida, así como no caso de caducidade da licencia. Notificarase á persoa interesada que a “declaración de interese ou utilidade municipal” queda sen efecto así como a conseguinte bonificación, a fin de que no prazo dun mes, aquel presente a correspondente autoliquidación complementaria. Transcorrido este prazo, sen que se produza a correspondente autoliquidación, o suxeito pasivo terá incorrido en infracción tributaria.
As bonificacións previstas no presente artigo poderán aplicarse de forma simultánea e sucesiva segundo a orde en que aparecen reguladas.
ARTIGO 4.- BASE IMPOÑIBLE E DEVINDICACIÓN.
- 1. A base impoñible deste imposto está constituída polo custe real e efectivo da construción, instalación ou obra, entendéndose por tal, a estes efectos, o custe de execución material desta.
Non forman parte da base impoñible o Imposto sobre o Valor Engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, nin tampouco as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construción, instalación ou obra, nin tampouco os honorarios de profesionais, o beneficio profesional do contratista nin calquera outro concepto que non integre, estritamente, o custe de execución material.
- 2. A base liquidable deste imposto será idéntica á base impoñible.
- 3. O imposto devindicarase no momento de iniciarse a construción, instalación ou obra, aínda cando non contase coa correspondente licenza.
ARTIGO 5.- TIPO IMPOSITIVO E COTA.
- 1. O tipo de gravame será o 3,5%.
- 2. A cota deste imposto será o resultado de aplicar á base liquidable o tipo de gravame.
ARTIGO 6.- XESTIÓN.
- 1. O imposto esixirase en réxime de autoliquidación.
- 2. Os suxeitos pasivos están obrigados a practicar autoliquidación en impreso habilitado ao efecto pola Administración Municipal, efectuando o pago previamente á retirada da Licencia concedida, en calquera entidade colaboradora autorizada, e, en todo caso, dentro do prazo máximo de un mes, contado a partir do momento en que lle fora notificada a concesión de dita licencia.
No caso de obras en vivendas de promoción pública da titularidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo, o prazo de ingreso será dun mes contado dende a notificación da adxudicación do contrato de obras e, en todo caso no prazo máximo dun mes dende o comezo daquelas.
- 3. A autoliquidación presentada terá carácter provisional e determinarase a base impoñible do tributo, en función do presuposto achegado polas persoas interesadas, sempre que estivese visado polo Colexio Oficial correspondente; noutro caso, a base impoñible será determinada polos técnicos municipais, de acordo co custo estimado do proxecto.
- 4. Nos casos en que o Plan Xeral de Ordenación Urbana de Vigo esixa para a posible concesión de licenza a presentación de proxecto visado polo Colexio Oficial, o suxeito pasivo estará obrigado a acompañar a autoliquidación, que deberá presentar para os efectos deste imposto, de fotocopia do presuposto de Construción, Instalación ou obra a realizar e DNI ou NIF do suxeito pasivo.
- 5. No caso de que se modifique o proxecto e houbese incremento de presuposto, unha vez aceptada a modificación, deberá presentarse autoliquidación complementaria pola diferencia entre o presuposto inicial e o modificado con suxeición aos requisitos e efectos indicados nos apartados anteriores.
- 6. Unha vez finalizadas as obras, no caso de que o seu custo real e efectivo sexa superior ou inferior ao que serviu de base impoñible nas autoliquidacións anteriores, os suxeitos pasivos presentarán no prazo dun mes, contando a partir do día seguinte á dita finalización, autoliquidación complementaria do tributo, positiva ou negativa, segundo proceda. Acompañaran certificado e presuposto final de obra visado polo Colexio Oficial correspondente, cando se esixiran direccións facultativas, e calquera outro documento que se considere oportuno.
- 7. No caso de que non puidese presentarse o Certificado e Presuposto final de obra no prazo sinalado no número anterior, poderá solicitarse unha prórroga de un mes, contado a partir do día seguinte á finalización do prazo anterior, para a presentación da citada documentación.
- 8. Á vista da documentación achegada e das construcións, instalacións ou obras efectivamente realizadas e do custo real e efectivo, o Concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, modificará, no seu caso, a base impoñible, practicando a correspondente liquidación definitiva, e esixindo do suxeito pasivo ou reintegrándolle, no seu caso, a cantidade que corresponda, sen prexuízo das sancións que procedan, de acordo co disposto no artigo 6 desta Ordenanza.
ARTIGO 7.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.
No relativo á cualificacións das infraccións tributarias así como á determinación das sancións que correspondan aplicarase o disposto na Lei Xeral Tributaria e restantes disposicións que a complementan e desenvolvan.