Normativas Precios Blog

Título I. Do réxime xeral do deber de conservación e das ordes de execución

Artigo 2.

O cumprimento da obriga formal establecida nesta Ordenanza entenderase sen prexuízo do réxime xurídico ordinario do deber de conservación regulado na lexislación vixente e das facultades de inspección urbanística atribuídas á Concellería de Urbanismo.

No exercicio desta potestade municipal de policía urbanística poderá ordenar en calquera momento, de oficio ou por instancia de parte e de acordo co procedemento previsto nos artigos 26 e seguintes do RDU, a execución das obras requiridas para o cumprimento do deber de conservación, adoptando ou ordenando ós propietarios a adopción das medidas provisionais e urxentes que, de se-lo caso, resulten necesarias para garantir a eficacia das resolucións que puidese recaer e evitar a causación de danos ás persoas e ós bens.

Artigo 3. Deber de conservación

Os propietarios conservarán os terreos, solares, carteis, urbanizacións e calquera edificacións nos termos establecidos na presente Ordenanza, as normas urbanísticas do Plan Xeral e na lexislación urbanística aplicable.

Artigo 4. Das ordes de execución.

A determinación das citadas condicións de conservación se levará a cabo polo Concello mediante ordes de execución.

Constituirá o límite do deber de conservación das edificacións o estado de ruína das mesmas, salvo que a Administración opte por alterar o devandito estado ruinoso, nos termos establecidos na presente Ordenanza e lexislación urbanística aplicable.

Se os propietarios interesados nos procedementos de ordes de execución consideran que as obras e actuacións que o municipio pretende ordenar exceden do límite do seu deber de conservación, poderán solicitar as subvencións que se preveren, no seu caso, ou a previa declaración do estado ruinoso da edificación. Nese caso poderá acordarase de oficio a suspensión do procedemento de orde de execución.

Non entanto o anterior, tras a adopción dunha orde de execución, non se admitirá expediente de declaración de ruína, salvo por circunstancias obxectivas sobrevenidas. Cando o interesado incumpra unha ou varias ordes de execución e a consecuencia diso producírase a situación legal de ruína, o límite ordinario do deber de conservación ampliarase na medida necesaria para restaurar o inmoble nos termos sinalados pola orde ou ordes de execución incumpridas.

A orde de execución non eximirá do deber de presentar a documentación técnica ou proxecto, no seu caso, das obras, a fin de que o Concello comprobe a súa adecuación ao ordenado.

Artigo 5. Ordes de execución para elementos sometidos a algún réxime de protección.

No relativo ás actuacións dirixidas á conservación que se ordenen para os elementos sometidos a algún réxime de protección estarase, no que se refire ás condicións de execución das mesmas, ao disposto nas normas urbanísticas do vixente Plan Xeral de Ordenación Urbana de Ourense, así como na normativa específica aplicable.

Artigo 6. Ordes de execución por motivos turísticos, culturais o estéticos.

En fachadas, cubertas ou espazos visibles dende a vía pública poderán ditarse ordes de execución por motivos de interese turístico, cultural ou estético, de acordo co establecido polas normas urbanísticas do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Ourense e o resto da normativa urbanística aplicable.

Réxime das ordes de execución

Artigo 7. Órgano competente

Corresponde ao Alcalde, ou órgano en quen delegue, ordenar a execución das obras e actuacións necesarias para conservar as edificacións, terreos, solares, urbanizacións e carteis nas condicións de seguridade, salubridade, ornato público e calidade ambiental, cultural e turística.

Artigo 8. Iniciación

O procedemento para esixir o cumprimento do deber de conservación, en calquera das súas formas, poderá iniciarse de oficio ou a instancia do interesado.

Os expedientes iniciados de oficio serán:

  1. Como consecuencia da actuación dalgún servizo municipal que permita supor a existencia dun incumprimento dos deberes de conservación.
  2. Como consecuencia de informes evacuados polos servizos técnicos nas inspeccións programadas que se realicen.
  3. Por denuncia. Nestes procedemento, imputarase o custo da taxa liquidada por visita de inspección ao propietario do ben sobre o que se constate o incumprimento do deber de conservación.
Artigo 9. Da inspección

Corresponderá a inspección de edificacións, terreos, solares, urbanizacións e carteis aos servizos técnicos do órgano municipal correspondente.

A inspección materializarase nun informe técnico ou nunha acta de inspección.

Artigo 10. Dos informes

Iniciado o expediente, os servizos técnicos do órgano correspondente, previa inspección do terreo, solar, urbanización, edificación ou cartel, emitirán un informe sobre o seu estado. O informe conterá:

  1. Situación do inmoble ou inmobles afectados pola actuación a realizar acompañado de plano de emprazamento.
  2. Descrición dos danos, deficiencias que presente, indicando, no seu caso, as posibles causas.
  3. Actuacións necesarias para determinar e/ou emendar os danos ou deficiencias detectadas e, no seu caso, as medidas de seguridade a adoptar.
  4. Situación urbanística do inmoble de conformidade co disposto nas normas urbanísticas do Plan Xeral, determinando se o inmoble está suxeito a algún réxime de protección ou se está fóra de ordenación.
  5. Se a entidade da obra esixe proxecto técnico e/ou dirección facultativa, de acordo co criterio que estableza para a solicitude de licenzas a ordenanza de tramitación.
  6. Determinación do prazo para o cumprimento da orde de execución ditada.
  7. Cando conste o titular da propiedade e o seu domicilio a efectos de notificacións.
Artigo 11. Dos obrigados

As ordes de execución dirixiranse e notificaranse á propiedade do inmoble. Para iso, si fora necesario, requirirase de oficio ao Rexistro da Propiedade ou calquera outro rexistro público adecuado para que informe sobre a titularidade do mesmo. Todo iso sen prexuízo da facultade de subscribir entre as respectivas institucións os oportunos convenios de colaboración que se consideren procedentes.

Artigo 12. Resolución

Salvo nos supostos en que puidese existir urxencia xustificada ou perigo na demora, á vista do informe, con carácter previo á proposta de resolución, procederase a evacuar trámite de audiencia ao interesado.

Cumprido este trámite, previo informe, no seu caso, sobre as alegacións presentadas, o órgano competente ordenará ao propietario o cumprimento das actuacións necesarias para emendar as deficiencias nos termos e prazos establecidos polo informe técnico emitido, con advertencia de posible imposición de multa coercitiva, incoación de expediente sancionador e/ou execución subsidiaria pola Administración á conta da propiedade en caso de incumprimento do ordenado; todo o cal comunicarase, no seu caso, aos afectados.

Artigo 13. Do cumprimento das ordes de execución

As ordes de execución cumpriranse nos seus propios termos. Forman parte da orde de execución as actuacións previas efectuadas para a determinación do seu contido, tales coma a esixencia de informes, facilitar o acceso á inspección, etc.

O propietario do inmoble deberá liquidar os impostos e taxas derivados do procedemento evacuado, nos termos e condicións previstos na Ordenanza fiscal reguladora, no seu caso.

Así mesmo, antes do comezo das obras, deberase achegar ao expediente administrativo, no seu caso, folla do encargo ou documento análogo no que conste a localización do inmoble, as obras e a identidade da dirección facultativa.

Cando se esixira proxecto técnico ou dirección facultativa, non se considerarán concluídas as obras en tanto non se achegue o certificado final das mesmas visado polo colexio profesional correspondente, no seu caso. Se non se esixiu, o cumprimento do ordenado comprobarase de oficio, unha vez comunicada pola propiedade a finalización das obras.

Artigo 14. Incumprimento.

Incumprido o prazo establecido na orde de execución, o Concello poderá optar entre a execución subsidiaria ou a imposición de multas coercitivas, en orde a esixir o debido cumprimento do acto, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder con ocasión da infracción urbanística constatada por omisión do deber de conservación.

Artigo 15. Multas coercitivas

A periodicidade das multas coercitivas para lograr o cumprimento das ordes de execución estará en función do prazo concedido para a súa execución, ata un máximo de dez multas.

Artigo 16. Do expediente sancionador

Transcorrido o prazo outorgado para o inicio das actuacións necesarias para o cumprimento do ordenado, paralizadas estas logo de haberse iniciado, incumprido o prazo outorgado para a súa terminación ou non cumpridas nos termos ordenados, poderá incoarse procedemento sancionador por infracción urbanística consistente na omisión do deber de conservación, nos termos previstos na Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia.

Poderase prescindir do requirimento ó interesado, e iniciar directamente a execución subsidiaria, en situacións de emerxencia.

Artigo 17. Sobre a execución subsidiaria

En calquera momento poderá o Concello optar polo procedemento de execución subsidiaria das ordes de execución, sen prexuízo de seguir o correspondente procedemento de apremio sobre o patrimonio para o cobro das multas coercitivas que non se satisfaceron.

O acordo de execución subsidiaria conterá o importe da valoración das obras a realizar, que poderá ser liquidada a conta, e requirido o pago con antelación, a reserva da liquidación definitiva.

Artigo 18. Réxime das medidas urxentes

Se un servizo municipal apreciara a existencia dun perigo grave e inminente, de oficio ou a instancia dun particular, con perigo real para as persoas ou bens, adoptará as medidas que estime oportunas para evitalo sen necesidade de acto administrativo previo.

As devanditas medidas serán as que tecnicamente se considere imprescindibles para evitar o perigo inminente, e poderán consistir en desaloxos provisionais, clausuras de inmobles ou partes destes, apeos, apontoamentos, demolicións, cerramentos ou outras análogas; debendo observarse, en calquera caso, o principio de intervención mínima.

As actuacións referidas nos números precedentes serán a cargo da propiedad de inmoble.

Asemade, se o informe de ITE xustifica a existencia dun perigo inminente para as persoas ou os bens, o propietario deberá acompañar un compromiso de execución inmediata –recollido no anexo 3 desta ordenanza-, baixo dirección técnica competente, de todas as medidas provisionais de seguridade recollidas no informe de ITE, que de forma precautoria ou preventiva eliminen a situación de risco inminente, tales como apeos, apontoamentos, retirada de elementos soltos, etc., presentando, a súa finalización, o documento xustificativo que acredite a correcta execución destas medidas.

A sinatura dese compromiso implica que a propiedade asume plenamente as responsabilidades de toda orde que se puidesen derivar da falla de mantemento en condicións de seguridade do edificio, sen prexuízo de que, en calquera momento, a Concellería de Urbanismo poida ditar unha orde de execución conforme ó previsto no artigo 28 e seguintes desta ordenanza.