Artigos
Sección I. Disposicións xerais
Artigo 1
A presente Ordenanza regula a actuación municipal para a protección do Medio Ambiente contra as perturbacións producidas pola enerxía acústica nas súas manifestacións máis frecuentes, isto é, os ruídos e/ou vibracións no Termo Municipal de Pontevedra.
Artigo 2
O obxecto desta Ordenanza, de obrigatoria observancia por conseguinte dentro do Termo Municipal, será velar pola consecución do nivel de comodidade sonora adecuada, esixir o illamento acústico necesario nas edificacións e/ou establecementos industriais, comerciais, e de espectáculos públicos e actividades recreativas para que se cumpran os niveis de emisión e de inmisión de ruídos regulados nela e controlar os niveis sonoros imputables a calquera causa.
Artigo 3
Quedan sometidas ás súas prescricións todas as instalacións, construccións, obras, aparatos, vehículos, medios de transporte, e en xeral, tódolos elementos, actividades e comportamentos que no seu exercicio xeren ruídos ou vibracións que potencialmente ocasionen molestias, danos materiais ou perigosidade ó vecindario ou bens situados baixo a súa influencia, ou que modifiquen o estado natural do ambiente circundante, calquera que sexa o seu titular, promotor ou responsable e lugar público e privado, aberto ou pechado no que estea situado.
Artigo 4
- As normas desta Ordenanza son de obrigado e directo cumprimento para toda actividade, instalación, vehículos e obras que se encontren en funcionamento, exercicio ou uso, e comporten a producción de ruídos e/ou vibracións molestas ou perigosas.
- Corresponderá ó Concello exerce-lo control do cumprimento desta Ordenanza, esixir -de oficio ou a instancia de parte- a adopción das medidas correctoras necesarias, sinalar limitacións, ordenar e/ou realizar cantas inspeccións sexan precisas e aplica-las sancións correspondentes no caso de incumprirse o ordenado.
- As relacións coas restantes Administracións Públicas, axustaranse dentro do marco dos principios de colaboración interadministrativa establecidos pola Lexislación de Réxime Local e de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, ós principios de respeto competencial e cooperación, que se realizará prestándose información e asistencia mutua, mediante a coordinación, a colaboración e as fórmulas de xestión e común que poidan establecerse.
- O Alcalde-Presidente do Excmo. Concello de Pontevedra, por sí mesmo ou a través do/a Teniente de Alcalde no/a que delegue e previo dictame da Comisión Informativa Municipal de Medio Ambiente, está facultado para asinar convenios co fin de obte-lo auxilio doutras Administracións en materia de contaminación acústica e para reclama-lo auxilio de empresas especializadas, previamente homologadas ou acreditadas, dándolle conta ó Pleno da Corporación.
- A cooperación con outras Administracións e a xestión de servicios municipais poderá, igualmente, realizarse mediante concerto ou convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias.
Artigo 5
- As persoas ou entidades propietarias, titulares, promotoras, encargadas ou responsables das fontes de ruído ou vibracións facilitarán ós Inspectores Municipais o acceso ás súas instalacións e disporán o seu funcionamento ás distintas velocidades, cargas ou marchas que lles sexan indicadas polos inspectores ambientais, podendo estar presentes durante o proceso operativo.
- Nos proxectos de actividades industriais, comerciais e de servicios afectadas polas prescricións desta Ordenanza, achegarase un estudio xustificativo das medidas correctoras de ruídos e/ou vibracións, coas hipóteses de cálculo adoptadas, aplicando as recomendacións da Norma Básica da Edificación NBE-CA-88.
Seccion II. Sistemas de medida e avaliacion de niveis de ruido
Artigo 6
A determinación do nivel sonoro e o illamento acústico realizarase e expresarase en decibelios consonte á rede de ponderación normalizadas "A" (db(A)). Norma UNE 60651, ou calquera outra que a substitúa ou complemente.
Artigo 7
A valoración dos niveis de ruídos que se establecerán nesta Ordenanza rexerase polas seguintes normas; en todo caso as diferentes medidas e avaliacións de ruído deberán cumpri-la normativa vixente da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei 7/1997, do 11 de agosto, e o seu Regulamento de protección contra a contaminación acústica, Decreto 150/99, do 7 de maio.
- A medición levarase a cabo no lugar no que o seu nivel sexa máis alto e, se fose preciso, no momento e situación na que as molestias sexan máis acusadas.
- En previsión dos posíbeis erros de medición adoptaranse as seguintes precaucións:
- Contra o efecto pantalla: o observador situarase no plano normal ó eixo do micrófono do sonómetro e o máis arredado do mesmo que sexa compatible coa lectura correcta do indicador.
- Contra a distorsión direccional: Situado en estación o aparato, xiraraselle no interior o ángulo sólido determinado por un octante e fixarase na posición na que a lectura sexa a máxima obtida.
- Contra o efecto do vento: cando se estime que a velocidade do vento é superior a 1,6 m/s empregarase unha pantalla contra o vento. para velocidades superiores a 3 m/s desistirase da medición, agás que se empreguen aparatos especiais ou se apliquen as correccións necesarias.
- En canto ás condicións ambientais do lugar da medición, non se sobrepasarán os límites especificados polo fabricante do sonómetro en canto a temperatura, humidade, vibracións, campos electrostáticos e electromagnéticos, etc.
- O aparato medidor, sonómetro, deberá cumpri-lo establecido nas Normas IEC-651 ou UNE 60651, sendo o mesmo de clase 1 ou 2. O resto dos aparatos que se utilicen na medición como rexistradora gráfica, amplificadores, etc cumprirán igualmente coa Norma citada anteriormente.
- Medidas exteriores:
- As medidas en exteriores efectuaranse nunha altura superior a 1,2 m sobre o solo e a 1,5 m. das paredes, edificios ou outras estructuras que reflicten o son.
- Cando as circunstancias o indiquen pódense realizar medidas a maiores alturas e máis preto das paredes. (por exemplo a 0,5 m. dunha fiestra aberta, facéndoo constar).
- Medidas en interiores:
- As medidas en interiores efectuaranse a unha distancia mínima de 1 m. das paredes, entre 1,2 e 1,5 m. do solo e arredor de 1,5 m. das fiestras.
- Co gallo de reducir as perturbacións debidas a ondas estacionarias, os niveis sonoros medidos nos interiores promediaranse cando menos en tres posicións, arredadas entre si 0,5 m.
- No caso de ser imposible cumprir con este requisito medirase no centro da estancia e a non menos de 1,5 m. do solo.
- A medición nos interiores da vivenda ou local receptor realizarase normalmente con portas e fiestras pechadas, eliminando toda posibilidade de ruído interior da propia vivendas (frigoríficos, televisións, aparellos de música, etc.), pero se o local ou vivenda se utilizase coas fiestras abertas deberá realizarse a medición nestas condicións.
- Para a avaliación dos niveis de ruído na forma sinalada terase en conta o nivel sonoro do fondo (desconectando a fonte productora de ruído e sen considerar os ruídos punta accidentais) que se aprecie durante a medición.
- Medición de illamento acústico a ruído aéreo.
Equipo necesario:
Sonómetro de precisión, clase 1 ou 2 segundo normas IEC-651 ou UNE 60651, dotado dun xogo de filtros de banda de tercio de oitava.
Fonte de ruído rosa con suficiente potencia, ou xerador de ruído rosa para incorporalo ao equipo instalado no local obxecto de medición.
Procedemento de medida:
Determinación dos niveis de emisión en cada unha das bandas de tercio de oitava comprendidas entre 63 hz e 8 Khz. O sonómetro colocarase a 1,5 m. da fonte sonora ou no centro da sala se existen varios puntos de emisión.
Determinación dos niveis de ruído de fondo no local receptor.
Determinación dos niveis de recepción ou transmisión ao local receptor en cada unha das bandas de tercio de oitava abranguidas entre 63 hz e 8 Khz, para idénticos niveis de emisión que os medidos no local emisor.
Determinación do tempo de reverberación do local receptor, por medio da relación:
A = (0,163 x V) / T, sendo:
A = Área de absorción equivalente (m2)
V = Volume do recinto receptor (m3).
T = Tempo de reverberación do recinto receptor (s.)
Determinación do illamento acústico (R') en dB (A) que ofrece a curva de illamento obtido.
Determinación da corrección aplicable (C).
C = 10 log(T/To), sendo:
C = Corrección aplicable ao illamento (R') en dB(A).
T = Tempo de reverberación do local receptor (s).
To = Tempo de reverberación de referencia (0,5 s).
Determinación do illamento normalizado (R).
Realizarase mediante a relación:
Seccion III. Niveis de ruido e vibracions admisibeis no medio ambiente
Artigo 8
Nos traballos de Planeamento Urbanístico e de Organización de todo tipo de actividades e servicios, co obxecto de facer efectivos os criterios que a continuación se expresan, deberá preverse a súa incidencia en canto a ruídos e vibracións, conxuntamente cos outros factores a considerar para que as solucións ou planificacións adoptadas proporcionen o nivel máis elevado de calidade de vida.
- En particular, o que dispón o parágrafo anterior será de aplicación, entre outros, nos seguintes casos:
- A organización do tráfico en xeral.
- Os transportes colectivos urbanos.
- A recollida de lixo.
- A situación de centros docentes, sanitarios e lugares de residencia colectiva, xa que ou ben poden producir ruídos molestos ó vecindario ou, noutros caos, precisar, para realizar as súas finalidades, de establecerse nun ambiente silencioso.
- A concesión de licencias de obras, instalacións e actividades en xeral.
- Planificación e proxecto das vías de circulación cos seus elementos de illamento e amortiguación acústica, tales como pavimentos porosos, distancia a edificacións, arborado, defensas acústicas por muros illantes-absorbentes, especialmente en vías elevadas e semielevadas, etc.
- Planificación de actividades ó aire libre que poidan xerar ambientes ruidosos en zonas lindantes.
- Delimitación do solo industrial arredado do residencial por zonas verdes ou outras franxas de absorción acústica.
Artigo 9
Nas dependencias dos edificios que se citan neste artigo o nivel dos ruídos transmitidos a elas dende o exterior das mesmas ou por instalacións do propio edificio, agás dos orixinados polo tráfico rodado de vehículos, non superarán os seguintes límites:
| Tipo de edificio | Local | Día | Noite |
|---|---|---|---|
| Residencial privado | Estancias | 40 | 35 |
| Dormitorios | 30 | 25 | |
| Servicios | 40 | 35 | |
| Zonas comúns | 40 | 35 | |
| Residencial público | Zonas de estancia | 40 | 35 |
| Dormitorios | 30 | 25 | |
| Servicios | 40 | 35 | |
| Zonas comúns | 40 | 35 | |
| Administrativo e de oficinas | Despachos profes. | 35 | 30 |
| Oficinas | 40 | 35 | |
| Zonas comúns | 40 | 35 | |
| Sanitario | Zona de estancia | 35 | 30 |
| Dormitorios | 30 | 25 | |
| Zonas comúns | 35 | 30 | |
| Docente | Aulas | 35 | 30 |
| Salas de lectura | 30 | 25 | |
| Zonas comúns | 35 | 30 |
- No horario nocturno, con independencia dos valores expresados no punto anterior, o ruído transmitido a estas dependencias, agás zonas comúns e aseos, non deberá incrementar en máis de 3 dB (A) o nivel de ruído de fondo delas, entendendo como o ambiental, sen funcionamento da actividade transmisora de ruídos, e sen ter en conta os valores punta accidentais.
Artigo 10
- No medio ambiente exterior, agás os procedentes do tráfico rodado de vehículos, non se poderá producir ningún ruído que sobrepase os seguintes niveis:
Nivel Max. / dB (A) Zonificación Día Noite Zonas sanitarias 60 50 Zonas industriais 75 65 Zonas comerciais 70 60 Zonas de vivendas e edificios 65 55 Estos niveis máximos non serán de aplicación no caso de que non se acaden os límites establecidos no artigo anterior relativo ós niveis de transmisión de ruídos ó interior dos edificios.
- A medición realizarase no exterior da actividade, a 1,5 m. da fachada ou línea da propiedade da actividade afectada.
- Para este artigo e o anterior enténdese por horario de día o período de tempo abranguido entre as 8 e as 22 horas, agás as zonas sanitarias, que será entre as 8 e as 21 horas; o resto das horas do total de 24 integrarán o período de noite.
- Por razóns de organización de actos tradicionais ou de especial proxección oficial, cultural, ou de natureza análoga, o Concello poderá adoptar as medidas necesarias para modificar con carácter temporal, nas vías ou sectores afectados, os niveis sinalados no parágrafo 1º. Neste suposto, o Alcalde-Presidente ou Tenente de Alcalde Delgado/a da Área de Medio Ambiente dictará as instruccións para reducir ó máximo posible as molestias á cidadanía.
Na prestación de servicios públicos esenciais: xestión de residuos, bombeiros, ambulancias, etc., será de aplicación o expresando no párrafo anterior.
- Sen prexuízo do sinalado no parágrafo anterior, poderanse adoptar en calquera momento as ordes particulares necesarias para ordena-la concurrencia de actividades e para facilita-lo desenvolvemento de actividades de emerxencia ou de carácter urxente debidamente xustificado e de duración limitada.
Artigo 11
- Para a medida das vibracións adóptase a aceleración en metros por segundo ao cadrado como unidade (m/s2).
- Utilizaranse as curvas límite de vibración en aceleración da norma ISO-2631-2 cos valores de recepción que sinala o artigo 8 do anexo da Lei 7/97.
Artigo 12
Non se permite ningunha vibración que sexa detectable sen instrumentos de medida nos lugares nos que se efectúe a comprobación.
Seccion IV. Condicions acusticas das edificacions
Artigo 13
- Tódalas edificacións de nova construcción deberán posuí-lo illamento acústico mínimo esixido pola Norma Básica da Edificación NBE-CA-88, agás os forxados constitutivos do primeiro andar da edificación, cando dito andar sexa de uso residencial e no andar baixo se poidan localizar, conforme ó planeamento, usos susceptibles de producir molestias por ruídos ou vibracións, nos que o illamento acústico bruto ó ruído aéreo esixible será de, cando menos, 55 dB (A).
- Os aparellos elevadores, as instalacións de acondicionamento de ar e as súas torres de refrixeración, a distribución e evacuación de augas, a transformación de enerxía eléctrica e demais servicios do edificio serán instalados coas precaucións de emprazamento e illamento que garantan un nivel de transmisión sonora cara ó interior da edificación ou ós edificios veciños non superior ós límites máximos citados nos artigos 9 e 10 desta Ordenanza.
Seccion V. Ruidos xerados polo trafico e circulacion
Artigo 14
Tódolos vehículos de tracción mecánica terán de ter en boas condicións de funcionamento o motor, a transmisión, carrocería, freos e demais elementos do mesmo capaces de producir ruídos e vibracións e, especialmente, o silenciador dos gases de escape, co fin de que o nivel sonoro emitido polo vehículo ó circular ou parado co motor en marcha non exceda o que se establece na presente Ordenanza.
Artigo 15
- Queda prohibido o uso de bucinas ou calquera outro dispositivo de sinais acústicos dentro do núcleo urbano, agás nos casos de inminente perigo de atropelo ou colisión. Exclúense desta prohibición os servicios públicos de urxencias como Policía, Extinción de Incendios, Asistencia Sanitaria, Ambulancias ou servicios privados para o auxilio urxente de persoas.
- As alarmas acústicas antirroubo que se instalen nos vehículos automóbiles deben axustarse de forma que non poidan entrar en funcionamento por pequenos impactos, golpes ou movementos leves do vehículo. En todo caso deben interrompe-lo seu funcionamento despois de 45 segundos da súa posta en marcha, sempre que desapareza a causa que provocou o seu disparo.
Artigo 16
Prohíbese a circulación de vehículos a motor sen elementos silenciadores do escape de gases, ou con silenciadores non eficaces, incompletos, inadecuados, deteriorados ou con tubos resoadores. O dispositivo silenciador non se poderá pór fóra de servicio polo conductor.
Artigo 17
- Os límites máximos admisibles para os ruídos emitidos polos distintos vehículos a motor en circulación serán os establecidos polos Regulamentos 41 e 51 anexos ó Acordo de Xenebra de 20 de Marzo de 1958 para homologación de vehículos novos e decretos que os desenvolven (BOEs 19/5/82 e 22/6/83). Non serán de aplicación os límites anteriores ós vehículos excluídos do Acordo de Xenebra por data de fabricación ou outra circunstancia.
- Os niveis de ruído de vehículos serán medidos segundo os respectivos Anexos 3 dos citados regulamentos 41 e 51, o Regulamento nº 9 sobre "Homologación dos vehículos a respeto do ruído", así como as especificacións do método establecido pola Norma ISO 150 R-362.
- A fin de preservar a tranquilidade da poboación o Concello poderá sinalar zonas ou vías nas que algunhas clases de vehículos a motor non poidan circular a determinadas horas.
Artigo 18
A Policía Municipal formulará denuncia contra o propietario de todo vehículo que ó seu xuízo sobrepase os niveis máximos permitidos, indicando a obriga de presenta-lo vehículo no lugar e horario preciso para o seu recoñecemento en inspección. De non presentarse o vehículo, presumirase a conformidade do seu propietario coa denuncia formulada.
Artigo 19
Se inspeccionado o vehículo a que se fai referencia no artigo anterior non superase os niveis sonoros permitidos, a denuncia será sobreseída.
Artigo 20
- A carga e descarga, así como o transporte de materiais en camións, deberá realizarse de xeito que o ruído producido non supoña incremento importante no nivel de ruído ambiental da zona. Queda excluída deste prescrición a recollida municipal de residuos urbanos, así como as actuacións de recoñecida urxencia.
- O persoal dos vehículos de reparto deberá cargar e descarga-las mercadorías sen producir impactos directos sobre o solo do vehículo ou do pavimento e evitará o ruído producido polo desprazamento ou trepidación da carga durante o percorrido.
Seccion VI. Ruidos e/ou vibracions de maquinarias e instalacions
Artigo 21
Todo elemento dos órganos móbiles manterase en perfecto estado de conservación, principalmente no que se refire ó seu equilibrio dinámico ou estático, así como á suavidade de marcha dos seus coxíns ou os seus camiños de rodaxe que deberán ser lubricados convenientemente.
Artigo 22
Non se poderá instalar ningunha máquina ou órgano en movemento, de calquera instalación en/ou sobre paredes, teitos, forxados ou outros elementos estructurais da edificación, agás casos excepcionais nos que se xustifique que non se produce molestia algunha ó vecindario, ou instalen os correspondentes elementos correctores, ou que o aloxamento ou illamento da actividade a respecto das vivendas sexa suficiente.
Artigo 23
A instalación no solo dos elementos citados no artigo anterior efectuarase con interposición de elementos antivibratorios adecuados, a idoneidade dos cales deberá xustificarse plenamente nos correspondentes proxectos.
Artigo 24
As máquinas de arranque violento, as que traballan por golpes ou choques bruscos e as dotadas de órganos con movemento alternativo, deberán estar ancoradas en bancadas independentes, sobre o solo firme e illadas da estructura da edificación e do solo do local por intermedio de materiais absorbentes da vibración.
Artigo 25
A distancia entre os elementos indicados nos dous anteriores artigos e as paredes perimetrais será de 1 metro. Cando as medidas correctoras sexan suficientes, de forma que non se superen os límite establecidos nesta Ordenanza, poderá reducirse a mencionada distancia.
Artigo 26
Tódalas máquinas con órganos móbiles situaranse de forma que as súas partes máis saíntes, ó final da estada de desprazamentos, queden a unha distancia mínima de 0,7 m. dos muros perimetrais e forxados, debendo elevarse a 1 m. esta distancia cando se trate de elementos medianeiros.
Artigo 27
- Os conductos polos que circulen fluídos en réxime forzado disporán de dispositivos antivibratorios de suxeición.
- A conexión de equipos para o desprazamento de fluídos, como é o caso de instalacións de ventilación, climatización, ar comprimido e conductos e tuberías, realizarase mediante tomas ou dispositivos elásticos. Os primeiros treitos tubulares e conductos e, se é necesario, a totalidade da rede, soportaranse mediante elementos elásticos para evitar a transmisión de ruídos e/ou vibracións a través da estructura do edificio.
- Se se atravesan paredes, as conduccións tubulares e conductos farano sen fixarse á parede e cun montante elástico de probada eficacia.
Artigo 28
A partir da vixencia desta Ordenanza, non se permitirá nas vías públicas e nas actividades o establecemento de máquinas e instalacións que orixinen, en edificios residenciais, sanitarios ou educativos próximos, niveis sonoros superiores aos límites sinalados na Sección III.
Artigo 29
Os equipos das instalacións de ar acondicionado, ventilación ou refrixeración, como ventiladores, extractores, unidades condensadoras e evaporadoras, compresores, bombas, torres de refrixeración e outras similares, non orixinarán nos edificios propios, contiguos e próximos niveis sonoros superiores ós límites establecidos na Sección III.
Artigo 30
Nos circuitos de auga coidarase que non se presente o "golpe de ariete" e as seccións e disposicións das válvulas e billame haberán de ser tales que o fluído circule por elas en réxime laminar para os gastos nominais.
Artigo 31
A partir da vixencia desta ordenanza non se permitirá o establecemento de máquinas ou instalacións auxiliares que orixinen nos edificios contiguos ou próximos niveis de vibracións superiores aos establecementos no artigo 11 desta Ordenanza.
Artigo 32
Con independencia das restantes limitacións desta Ordenanza, no interior de calquera espacio aberto ou pechado, destinado a reunións, espectáculos ou audicións musicais como discotecas e similares, non poderán superarse niveis sonoros de 90 dB (A), en ningún punto do local destinado ao uso dos clientes, agás que no acceso ou accesos do referido espacio se coloque o aviso seguinte: "OS NIVEIS SONOROS DO INTERIOR PODEN PRODUCIR LESIONS PERMANENTES NO OUVIDO". O aviso deberá ser perfectamente visíble, tanto pola súa dimensión como pola súa iluminación.
Artigo 33
- Prohíbese activar inxustificadamente calquera sistema de aviso, alarma e sinalización de emerxencia por roubo, incendio, etc.
- Non obstante, autorízanse probas e ensaios de aparellos de alarma e emerxencias, que serán de dous tipos:
- Excepcionais.—Serán as que deben realizarse inmediatamente despois da súa instalación. Poderán efectuarse entre as 10 e as 18 horas da xornada laboral.
- Rutinarias.—Serán as de comprobación periódica dos sistemas de alarma. Só se poderán realizar unha vez ó mes e nun intervalo máximo de 5 minutos dentro do horario anteriormente indicado. A Policía Municipal deberá coñecer previamente o plan destas comprobacións, con expresión do día e hora na que se realizarán.
Artigo 34
En concordancia coa Lei 7/1997, do 11 de agosto, de Protección contra a Contaminación Acústica (D.O.G. nº 159 do 20/8/97) e o seu Regulamento, aprobado por Decreto 150/1999 (D.O.G. nº 100 do 27/5/99), tódolos proxectos de obras ou instalación deberán conter un estudio acústico.
Seccion VII. Actividades varias
Artigo 35
- Con carácter xeral prohíbese o emprego de todo dispositivo sonoro con fins de propaganda, reclamo, aviso, distracción e análogos, con condicións de funcionamento que produzan niveis sonoros que excedan dos sinalados nesta Ordenanza para as distintas zonas.
- Esta prohibición non rexerá nos casos de alarma, urxencia ou tradicional consenso da poboación, e poderá ser dispensada na totalidade ou parte do termo municipal por razóns de interese xeral ou de especial significación cidadá.
- As alarmas instaladas en locais, vivendas e inmobles en xeral obxecto dun rexistro municipal controlado pola Policía Local no que se indique a identidade, enderezo e teléfono da persoa encargada da súa desconexión, a cal debe ficar localizable no núcleo urbano onde estea instalada a alarma acústica, sempre que estea en funcionamento, debendo acodir cando sexa activada, a requirimento da Policía Local.
Exímese desta obriga se a alarma dispón de dispositivo temporizador de corte tarado a menos de 5 minutos.
Artigo 36
- Os traballos temporais, como son os de obras de construcción públicas ou privadas, non se poderán realizar entre as 22 e 8 horas se superan os niveis enunciados nos artigos 9 e 10 desta Ordenanza. Durante o resto da xornada en xeral os equipos empregados non poderán acadar, a cinco metros de distancia, niveis sonoros superiores a 90 dB (A), fin para o que se adoptarán as medidas correctoras que procedan.
- Exceptúase da prohibición de traballar en horas nocturnas, as obras urxentes por razón de necesidade ou perigo ou aquelas que polos seus inconvenientes non se poidan facer de día. O traballo nocturno deberá ser autorizado expresamente pola autoridade municipal, que determinará os límites sonoros que se deberán cumprir, ou poderá denegarse cando se aprecie a inconveniencia de perturbar, aínda que sexa temporalmente, ó vecindario ou usuarios do contorno.
Artigo 37
Os receptores de radio, televisión, tocadiscos, aparellos electrodomésticos e, en xeral tódolos aparellos reproductores de son, illaranse e regularanse de xeito que o ruído transmitido ás vivendas ou locais lindantes non excedan do valor máximo autorizado no artigo 9.
Artigo 38
- Os ensaios ou reunións musicais, instrumentais ou vocais, baile ou danza, tómbolas, festas colexiais ou privadas, así como a emisión de música na vía pública por medio de equipos portátiles haberán de efectuarse cumprindo os niveis establecidos nos Art. 9 e 10 desta Ordenanza.
- Co fin de preserva-lo ambiente tranquilo de determinados lugares, prazas, xardíns ou espacios libres que inviten ó recollemento, contemplación ou sereno esparexemento, fica neles prohibido o uso de aparellos emisores de son, portátiles ou non. A única tolerancia de ditos aparellos quedaría limitada á audición individual por medio de auriculares.
- O volume acústico dos equipos musicais instalados en vehículos automóbiles non poderá transcender ó exterior dos mesmos.
Seccion VIII. Condicions de locais adicados a actividades clasificadas ou inocuas, espectáculos publicos e actividades recreativas
Artigo 39
- As condicións esixidas ás particións acústicas dos locais sitos en edificios habitados e destinados a calquera actividade de concorrencia pública ou instalación que poida considerarse como foco de ruído serán as seguintes:
- En xeral os elementos constructivos horizontais e verticais de separación entre calquera instalación ou actividade do tipo mencionado e outro local ou recinto contiguo deberán garantir un illamento acústico mínimo de 45 dB (A) durante o horario de funcionamento dos focos de ruído, e de 60 dB (A) se a actividade ha de funcionar en parte durante o horario nocturno especificado no Art. 10.3 destas Ordenanzas.
Os titulares ou responsables de calquera actividade están obrigados a adopta-las medidas de insonorización nas súas fontes sonoras e de illamento acústico dos locais para cumprir en calquera caso as prescricións establecidas, dispoñendo, se fose preciso, de sistemas de ventilación forzada, de xeito que poidan pecharse os ocos ou fiestras existentes ou proxectadas.
Os proxectos técnicos de instalación de actividades afectadas polo ámbito de aplicación do Regulamento de Actividades Noxentas, Insalubres, Nocivas e Perigosas, independentemente da súa inclusión ou non no seu Nomenclator Anexo, achegarán un estudio xustificativo sobre as medidas correctoras precisas para que a emisión e transmisión dos ruídos xerados polas distintas fontes sonoras cumpran as prescricións desta Ordenanza. O estudio xustificativo desenvolverá como mínimo os aspectos que se establecen nas seguintes alíneas:
- No caso de ruído aéreo:
- Identificación das fontes sonoras máis destacables da actividade e valoración do nivel acústico das mesmas.
- Localización e descrición das características da zona máis probable de recepción do ruído orixinado polas actividades, sinalando expresamente os límites do ruído legalmente admisible na zona.
- Valoración, en función dos datos anteriores, da necesidade mínima de illamento acústico ó ruído aéreo.
- Deseño da instalación acústica proposta, con descrición dos materiais utilizados e detalles constructivos da sua montaxe.
- Xustificación analítica da validez da instalación proposta.
- No caso de ruído estructural por vibracións:
- Identificación da máquina ou instalación conflictiva, detallando as súas características fundamentais (carga e frecuencia).
- Descrición do antivibrador seleccionado e cálculo analítico onde se aprecie a porcentaxe de eliminación de vibración obtido coa súa instalación.
- Detalle gráfico onde se aprecien as características da montaxe.
- No caso de ruído estructural por impactos:
- Descrición da natureza e características físicas do impacto.
- Valoración sobre a posible transmisión dos impactos a recintos colindantes.
- Descrición da solución técnica deseñada para a eliminación da transmisión estructural dos impactos.
- Detalle gráfico onde se aprecien as características da solución adoptada.
Estes establecementos terán que poñer no exterior e na inmediación da porta de acceso unha placa na que se fará consta-lo aforo, actividade, número de licencia e superficie, para a inmediata identificación polo servicio de inspección acústica ou axentes municipais e sen prexuízo do cumprimento da normativa de protección do patrimonio cultural do Conxunto Histórico.
ACTIVIDADES ADICADAS O USO DE ESPECTACULO PUBLICO OU ACTIVIDADE RECREATIVA
- As licencias de instalación de locais adicados a calquera tipo de espectáculo público ou actividade recreativa, con independencia de estar ou non incluidos no Nomenclátor Anexo do Regulamento de Actividades Noxentas, Insalubres, Nocivas e Perigosas, tramitaranse segundo as determinacións deste Regulamento aprobado por Decreto 2414/1961, do 30 de novembro e polo Regulamento Xeral de Policía de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas, Real Decreto 2816/1982, do 27 de agosto.
- En calquera caso, todos estes establecementos terán que poñe-lo diploma ou extracto da licencia de apertura e posta en funcionamento que expide a Alcaldía na parede posterior á barra ou mostrador de atención ó público do local, para a inmediata identificación polos servicios ou axentes municipais.
- Se a actividade é un bar sen música ambiental, ou semellante (Cafetería ou Café-Bar), o nivel de illamento acústico mínimo das particións separadoras con vivendas será de 70 dB (A).
- No caso de bares con música, copas, "pubs", discotecas, salas de baile e salas de festa, tablaos flamencos, "music hall" e similares, cafés-concertos, cafés-cantantes, "karaokes", boleiras ou recintos onde se emita música ó vivo, o nivel de illamento esixible ós elementos constructivos separadores con vivendas será de 80 dB (A) como mínimo.
- Os establecementos citados no apartado c) anteriores deberán dispor, na entrada principal do establecemento, dun vestíbulo de illamento cunha superficie mínima do 3% da superficie construída do local, incluídos servicios, barra, almacén, etc... Este vestíbulo franquearase por portas con apertura no sentido da evacuación, deixando entre elas unha zona libre de varrido de, cando menos, 1,20 m.
Asemade, a superficie mínima destes locais será:
- Café-Bar Especial, Pub: 80m2.
- Café-Concerto, Café-Cantante, Karaoke, Boleiras ou recintos onde se emita música ao vivo,: 150 m2.
- Discotecas, salas de baile e salas de festa, tablaos flamencos, "music hall" e similares: 250 m2.
- Os valores de illamento tamén se refiren ós orificios e mecanismos para a ventilación e acondicionamento de ar dos locais.
- Cando o foco de emisión de ruídos, no caso de actividades en xeral, sexa un elemento puntual, compresores, ventiladores, etc, o illamento acústico poderase limitar a dito foco emisor, sempre que se cumpran os niveis de transmisión de ruídos regulados nos artigos 9 e 10 desta Ordenanza.
- O cumprimento das disposicións deste artigo non exime da obriga de axustarse ós niveis dos artigos 9 e 10 da Ordenanza.
Artigo 40
Os proxectos técnicos en que se baseen as solicitudes de licencia para a autorización de locais nos que se desenvolvan actividades adicadas ó uso de espectáculo público ou actividade recreativa musical, isto é, con funcionamento de equipo de reproducción musical -exceptuado aparello de radio, televisión- ademais da esixible por outras normas legais, disposicións de carácter xeral, ou esta mesma ordenanza terán de incluír:
- Instalación de solo flotante se o solo dos establecemento se asenta sobre un forxado, dispoñendo libre o espacio inferior.
- Cando o solo do establecemento asente sobre terreo firme, admitirase a desolidarización do paramento horizontal dos verticais, especialmente os pilares.
- Instalación de dobre parede lateral flotante e desolidarizada, agás se trate de paredes de pedra ou dun material tradicional existente no local, supostos nos que, dado o seu valor arquitectónico-cultural, xustificarase polo redactor do proxecto técnico a validez e eficacia da solución proposta e o cumprimento das prescricións da ordenanza.
- Instalación dun teito acústico desconectado mecánicamente do forxado da prancha inmediatamente superior
- Descrición do equipo musical (potencia acústica, gama de frecuencias, canles, etc)
- Descrición dos autofalantes, o seu número e distribución no local, xunto coas medidas correctoras adoptadas (direccionalidade, suxeicións, etc).
- Cálculo xustificativo do illamento acústico do local, tendo en conta, ademais do ruído causado polos equipos musicais, o producido por outros elementos constitutivos da actividade do local, tales como cámaras frigoríficas, acondicionadores de ar, público, etc.
- Se o cálculo e datos son remitidos, e por iso, son aceptados polos órganos competentes do Concello, previamente á concesión de licencia de apertura, terán que remitir certificado de medida do illamento acústico a ruído aéreo normalizado das particións separadoras con outras actividades polo método exposto no artigo 7.7 desta Ordenanza.
- A descrición, cálculos e documentos citados neste artigo terán de ser suscritos por técnicos con capacidade legal recoñecida e visados polo Colexio oficial correspondente. A certificación da medición do illamento terá de ser suscrita por empresa homologada como se dictamina no regulamento de protección a contaminación acústica (Decreto 150/99 de sete de maio).
- Os técnicos municipais, previo á concesión de Licencia de Apertura, comprobarán, tamén polo citado no punto 2 deste artigo, o illamento acústico a ruído aéreo normalizado do local e verificarán as transmisións de ruído a outros locais ou vivendas, situando o potenciómetro de volume dos equipos musicais instalados ao máximo das súas posibilidades.
- Para calquera variación que deban sufrir as características dos equipos musicais instalados (marca, tipo, situación, potencia, etc.) terá de solicitarse nova autorización, achegando os documentos xustificativos indicados neste artigo.
Artigo 41
Tódalas actividades susceptibles de producir molestias por ruído deberán exercerse coas portas e as fiestras pechadas.
Artigo 42
Calquera outra actividade ou comportamento persoal ou colectivo non comprendidos nos artigos precedentes, que produzan unha perturbación do vecindario con ruídos evitables coa observancia dunha conducta cívica normal entenderase incursa no réxime sancionador desta Ordenanza.
Seccion IX. Rexime sancionador
Capitulo 1. Disposicions xerais
Artigo 43
- Corresponde ó Concello a vixíanza do establecido nesta Ordenanza. Esta será realizada polo persoal do servicio competente mediante as correspondentes visitas ós focos de emisión, implicando a obriga dos titulares, donos, rexentes, encargados e responsables dos locais de calquera actividade abranguida na presente Ordenanza de lles presenta-la correspondente licencia de apertura e autorización do funcionamento e a facilitar ós inspectores municipais o acceso ás instalacións ou focos xeradores das molestias ou perigos e disporán o seu funcionamento ás distintas velocidades, cargas e marchas que lles indiquen tales inspectores, permitíndolles o emprego de dispositivos medidores, e a efectuar as operacións necesarias para o cumprimento de tal finalidade.
Non obstante, o Concello poderá solicitar o auxilio da Administración Autonómica ou de empresas homologadas pola Xunta de Galicia, tal como prevén os artículos 9 e 25 da Lei de Protección contra a Contaminación Acústica (Lei 7/1997, do once de agosto).
- Se ó efectua-la inspección se verificase o incumprimento da norma, levantarase a correspondente acta, da que se entregará copia á persoa interesada. Dita acta dará lugar á incoacción de expediente, no que, con audiencia da persoa interesada, sen prexuízo de aplica-lo réxime sancionador, serán determinadas as medidas correctoras precisas.
As actas que se levanten gozarán de presunción de veracidade respecto ós feitos que nas mesmas se declaren probados.
Os funcionarios destinados para efectuar labores de vixiancia e inspección medio ambiental a que se contrae esta Ordenanza , gozarán, no exercicio das súas funcións, da consideración de Axentes da Autoridade estando facultados para acceder, previa identificación e sen previo aviso ás instalacións onde se desenvolvan as actividades suxeitas á presente Ordenanza.
- Toda persoa, natural ou xurídica, pode denunciar perante o Concello a existencia de focos contaminadores que contraveñan as prescricións da presente Ordenanza.
- Consonte co apartado anterior, as visitas de inspección poderán levarse a cabo por iniciativa municipal ou logo de solicitude de calquera interesado. Estas solicitudes ou denuncias conterán, ademais dos datos esixibles nas instancias pola lexislación que regula o procedemento administrativo común, os datos precisos para facilitar ós servicios municipais a correspondente visita de inspección.
- En caso de recoñecida urxencia ou emerxencia, isto é ruídos que resulten altamente perturbadores ou cando xurdan ocasionalmente por uso abusivo, deterioro ou deficiente funcionamento das instalacións, aparellos ou equipos, poderá recorrerse directamente ós servicios municipais que teñan encomendada a atención destes supostos, os cales, previa comprobación, adoptarán as medidas de urxencia necesarias.
- A persoa que efectúe a denuncia incurrirá en responsabilidade cando actue con temeridade ou mala fé, sendo, neste caso, do seu cargo os gastos que se orixinen.
- En calquera caso as denuncias formuladas darán lugar á incoación do oportuno expediente, que se tramitará baixo as normas esixidas polo regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, notificándose ás persoas interesadas as resolucións adoptadas.
Artigo 44
En relación cos ruídos emitidos polos vehículos a motor, os propietarios ou usuarios dos mesmos facilitarán ós Servicios Municipais competentes as medicións oportunas, as cales serán efectuadas segundo se establece nos Regulamentos 41 e 51 do Acordo de Xenebra, referenciados no artigo 17 da presente Ordenanza.
Capitulo 2. Infraccions
Artigo 45
- Considéranse constitutivo de infracción administrativa as accións e omisións que contraveñan os preceptos contidos nesta Ordenanza, especialmente respecto ós focos contaminadores do medio ambiente e o mal uso das licencias.
- Para os efectos desta Ordenanza, as infraccións clasificaranse como leves, graves e moi graves nas seguintes materias: ruídos e vibracións, segundo se establece nos artigos seguintes.
Artigo 46
Materia de ruídos:
- Considérase infracción leve:
Superar ata 5 dB(A), os niveis de ruído máximos admisibles de acordo co regulamento desta ordenanza.
- Considéranse infraccións graves:
- A reincidencia en faltas leves.
- Superar en máis de 5 dB (A) os ruídos máximos admisibles por esta Ordenanza.
- Non presenta-lo vehículo a inspección cando teña sido requirido para iso. Para tal efecto, considerarase como non presentación o retraso superior a 15 días.
- Cando, ó darse o suposto do parágrafo 1 deste artigo, se requirise de novo ó titular do vehículo para a súa presentación no prazo de 15 días e esta non se realizase ou, se realizada, os resultados da inspección superasen os límites indicados no devandito parágrafo.
- Consideraranse infraccións moi graves:
- A reincidencia en faltas graves.
- A emisión de niveis sonoros que superen en máis de 15 dB(A) os límites máximos autorizados.
- A non presentación do vehículo a inspección oficial, cando dándose o suposto da alínea b) do número anterior se requirise de novo ó titular do vehículo para a súa presentación no prazo de 15 días e non o fixese, ou se presentado, os resultados da inspección superasen os límites establecidos en dito número.
Artigo 47
Materia de vibracións:
- Considerase infracción leve:
A transmisión de niveis de vibración correspondentes á curva base inmediatamente superior á máxima admitida para cada situación
- Considerarase infracción grave:
- A reincidencia en faltas leves.
- A transmisión de niveis de vibración correspondentes a dúas curvas bases inmediatamente superiores á máxima admitida para cada situación.
- Consideránse faltas moi graves:
- A reincidencia en faltas graves.
- A transmisión de niveis de vibración correspondentes a máis de dúas curvas base inmediatamente superiores á máxima admitida para cada situación .
Capitulo 3. Medidas cautelares
Artigo 48
As actividades sobre as que pese algunha limitación na emisión ou inmisión de ruídos e/ou vibracións e se detecte o seu incumprimento polo Servicio Municipal de inspección ou axentes da Policía Local, ou carezan da preceptiva licencia de funcionamento, poderán ser cautelarmente desaloxadas ou clausuradas por estes no seu preciso momento, medida que ha de ser levantada ou ratificada polo Excmo. Sr. Alcalde nun prazo de cinco días hábiles.
Capitulo 4. Sancions
Artigo 49
- O réxime que establece esta ordenanza enténdese sen perxuizo das intervencións e competencias que corresponden a outros organismos na esfera das súas respectivas competencias.
- Con independencia da esixencia, cando proceda, das correspondentes responsabilidades civís ou penais, as infraccións das prescricións desta Ordenanza serán sancionadas da forma seguinte:
- Cando se trate de vehículos de motor:
- As infraccións leves cun multa de ata 250.000 pesetas e apercebimento.
- As infraccións graves cun multas de 250.001 a 1.500.000 pesetas.
- As infraccións moi graves con multas de 1.500.001 a 10.000.000 pesetas, podendo pro-porse o precintado do vehículo.
- No caso do resto de focos emisores:
- As infraccións leves cun multa de ata 250.000 pesetas e apercebimento.
- As infraccións graves cun multas de 250.001 a 1.500.000 pesetas, clausura temporal, total ou parcial,, das instalacións e cese temporal, total ou parcial, da actividade de que se trate, por un prazo máximo de seis meses.
- As infraccións moi graves con multas de 1.500.001 a 10.00.000 pesetas, clausura definitiva, total ou parcial, por un prazo superior a seis meses, das instalacións ou cese definitivo, total ou parcial, das actividades.
- Cando se trate de vehículos de motor:
Artigo 50
- A contía das respectivas sancións graduarase en función das seguintes circunstancias:
- Natureza da infracción.
- Capacidade económica da empresa.
- Gravidade do dano producido nos aspectos sanitario, social ou material.
- Grao de intencionalidade.
- Reincidencia.
- Considerarase reincidente o titular do vehículo ou actividade que tivese sido sancionado anteriormente unha ou varias veces polo mesmo concepto nos doce meses precedentes.
Artigo 51
- Sen prexuízo da aplicación das sancións correspondentes, será motivo de precintado inmediato da instalación o superar en máis de 10 dB(A) os límites de niveis sonoros para o período nocturno e 15 dB(A) para o diúrno establecidos na presente Ordenanza.
- Dito precintado poderá ser levantado para efectuar as operacións de reparación e posta a punto. Sen embargo, a instalación non poderá porse en marcha ata que o persoal do departamento competente informe favorablemente o correcto funcionamento das instalacións, previa proba das mesmas.
- En todo caso, na graduación das infraccións, terase en conta as circunstancias atenuantes ou agravantes reflectidas na Lei e Regulamento de Protección contra a Contaminación Acústica.
- Ademais da imposición das sancións, ó remate do procedemento sancionador, poderá acordarse a adopción de medidas correctoras, así como a indemnización dos danos e perdas ocasionadas como consecuencia da actividade infractora. Se a persoa infractora non cumprise voluntariamente no prazo que se lle sinale, poderase así mesmo impor multas coercitivas sucesivas de ata 500.000 pts cada unha. Así mesmo será de aplicación o previsto para as execucións subsidiarias no artículo 98 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do procedemento Administrativo Común, na redacción conferida pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.