Informe-Proposta
Dende o 30 de novembro de 1961, data do Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, a regulación da contaminación acústica limitábase ás previsións contidas neste regulamento, na lexislación xeral das comunidades autónomas e nas ordenanzas municipais aprobadas por certos concellos.
Nesta situación, considerábase necesario desenvolver unha regulación específica a través dunha norma con rango de lei, con dous obxectivos primordiais: un, dotar á Comunidade Autónoma Galega dun marco normativo específico que lle servise, entre outras cuestións, ós concellos para concretar a ordenanza municipal correspondente; e dous, salvagardar o principio de legalidade na tipificación de infraccións e regulación das sancións derivadas das actividades que produzan contaminación acústica.
Así, o 20 de agosto de 1997, o Diario Oficial de Galicia publica a Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica. Temos na nosa Comunidade Autónoma, xa que logo, o marco normativo que harmoniza, no que se refire á problemática derivada da contaminación acústica, "o dereito dos/as cidadáns a organizar as súas actividades económicas, productivas e recreativas co gozo de intimidade e o descanso nun ambiente adecuado para o desenvolvemento da personalidade".
O Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, supón un paso máis nesta dirección, ó tempo que aproba as normas que desenvolven e garanten a aplicación da anteriormente mencionada Lei 7/1997 en todo o territorio da comunidade autónoma.
O Concello de Vigo, en consonancia co espíritu da citada Lei e do Regulamento que a leve a cabo, ós que anteriormente faciamos referencia, desenvolve a presente "ORDENANZA MUNICIPAL DE PROTECCIÓN DO MEDIO CONTRA A CONTAMINACIÓN ACÚSTICA PRODUCIDA POLA EMISIÓN DE RUÍDOS E VIBRACIÓNS".
Como consecuencia de todo a anteriormente exposto, solicítase ó Pleno desta Corporación municipal, tralo dictame da comisión informativa correspondente, que adopte o seguinte
ACORDO:
"Primeiro. Aprobar inicialmente a proposta de "Ordenanza municipal de protección do medio contra a contaminación acústica producida pola emisión de ruídos e vibracións", que se achega.
Segundo. Someter o expediente ó tramite de información pública e audiencia ás persoas interesadas, polo prazo de 30 días, para a presentación de reclamacións e suxestións, mediante a oportuna publicación no Boletín Oficial da Provincia".
Vigo, 21 de setembro de 2000 O ALCALDE
Lois Pérez Castrillo