Título I. Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
A presente ordenanza ten por obxecto regulamentar a actuación municipal cara á protección das persoas e dos bens, en contra das agresións producidas pola enerxía acústica de ruídos e vibracións. Para os efectos desta ordenanza, entenderanse comprendidos dentro dos elementos contaminantes da atmósfera por formas de enerxía aludidos no artigo 1 da Lei de protección do ambiente atmosférico.
Artigo 2. Ámbito
- Quedan sometidas todas as prescricións establecidas nesta ordenanza, de obrigatorio cumprimento en todo o termo municipal, tódalas actividades, instalacións e comportamentos que xeren ruídos ou vibracións susceptibles de producir molestias, lesións ou danos materiais ás persoas ou bens situados baixo o seu campo de influencia.
- Igualmente quedan sometidos ás prescricións establecidas na ordenanza todos os elementos constructivos constituíntes da edificación, en tanto en canto facilitan ou dificultan a transmisión dos ruídos e vibracións producidos no seu contorno.
Artigo 3. Competencia administrativa
- Correspóndelle ó Concello exercer o control do cumprimento da presente ordenanza, esixir a adopción das medidas correctoras necesarias, sinalar as limitacións de acordo coas directrices da lei, realizar cantas inspeccións sexan necesarias e aplicar as sancións correspondentes no caso de incumprirse o ordenado.
- A Comunidade Autónoma e o Concello poderán mutuamente solicitarse e obter información concreta sobre a actividade da outra administración en materia de contaminación acústica.
- No caso de que o Concello non conte cos medios técnicos e humanos necesarios para cumprir a función de control que esta ordenanza lle atribúe, poderá reclamar o auxilio da Administración autonómica, que se prestará, de ser o caso, mediante convenio subscrito entrambos, por instancia do Concello. Do mesmo xeito, poderá reclamar o auxilio de empresas ou entidades especializadas, as que deberán ser previamente homologadas, segundo os criterios que se fixan no capítulo II do Regulamento de protección contra a contaminación acústica, aprobado polo Decreto 150/1999, do 7 de maio.