Título VI. Solución de conflictos
Artigo 48. Creación da Comisión de Mediación
O artigo 18 da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, "Solución de conflictos", di: "Os Concellos poderán crear órganos de mediación para a solución dos conflictos que deriven da contaminación acústica, nos que tamén participarán as e os veciños". Créase a Comisión de Mediación, como órgano para a solución de conflictos xurdidos entre a cidadanía de Vigo por mor da aplicación da presente ordenanza.
A Comisión de Mediación constitúese como órgano de diálogo, concertación e participación, entre as e os cidadán e o Concello, no deseño e promoción das competencias do municipio en materia de política de protección das persoas e dos bens en contra das agresións producidas pola enerxía acústica de ruídos e vibracións.
Serán funcións da Comisión de Mediación, as seguintes:
- Elaborar e emitir, ben por iniciativa propia, ben por proposta do concelleiro de Medioambiente, estudios e informes, con inclusión de propostas.
- Actuar como órgano de consulta da autoridade municipal no eido da política sobre ruídos e vibracións.
- Promover e facilitar a conciliación e mediación nos conflictos xurdidos entre cidadás de Vigo, por mor da aplicación da presente ordenanza de ruídos e vibracións.
- Participar e promover a participación en congresos, xornadas, seminarios e conferencias relacionadas con materias ambientais, así como promover iniciativas relacionadas co estudio, o debate e a difusión das devanditas cuestións.
- Solicitar e recibir dos órganos competentes do Concello canta información precise para o desempeño das súas funcións.
A Comisión de Mediación formará parte do Consello Municipal de Medioambiente, e estará integrada polos membros que este, en sesión plenaria, determine, e que obrigatoriamente contará con presidente/a, secretario/a e vocais.
A Comisión de Mediación someterá as súas actuacións ós seguintes principios:
- Liberdade: a actuación da Comisión de Mediación non limitará nin interferirá o libre exercicio dos dereitos dos/das cidadáns.
- Rogación: a comisión poderá actuar se o solicitan as partes en conflicto.
- Neutralidade: a actuación da comisión terá sempre un carácter profesional, técnico e imparcial.
- Gratuidade: os servicios prestados pola comisión serán gratuítos, salvo os expresamente exceptuados.
O Concello de Vigo aprobará o procedemento de actuación da Comisión de Mediación, que se axustará, en todo caso, ós principios de rogación, oralidade, concentración, celeridade e gratuidade.