Normativas Precios Blog

Título IV. Auditorías

Artigo 30. Concepto

A auditoría sobre ruídos e vibracións é un proceso de avaliación sistemática, obxectiva, independente e periódica en materia de ruídos e vibracións nas actividades susceptibles de control.

Artigo 31. Obxectivos

Os obxectivos básicos das auditorías son o establecemento e a aplicación, por parte das empresas e institucións, de sistemas de xestión internos para a protección contra o ruído e as vibracións; a avaliación sistemática dos resultados obtidos que permita establecer e adoptar as medidas complementarias para reducir a incidencia ambiental e a información xeral sobre o comportamento daquelas en materia de ruídos e vibracións.

Artigo 32. Acción municipal

A acción municipal concretarase nun programa xeral de actuación baseado nos seguintes principios e criterios:

  • Prevención, corrección e mellora.
  • Información.
  • Concienciación.

Como punto de partida haberá que coñecer o grao de concienciación das e dos cidadáns ante o problema para, posteriormente, introducir hábitos de conducta compatibles cun maior benestar.

O Concello establecerá un programa de auditoría interna bianual como método de seguimento do programa de actuación, cuns resultados que evidenciarán a necesidade de revisión dos seus obxectivos marcados.

O Concello poderá crear órganos de mediación para a solución dos conflictos que deriven da contaminación acústica, no que tamén participarán as e os veciños.