Normativas Precios Blog

Disposiciones transitorias

Disposición transitoria primeira.

  1. Aquelas actividades ou instalacións con licencia que produzan ruído do cualificado como obxectivo por esta Ordenanza, superior ós niveis máximos admisibles, así como niveis de vibración superiores ós establecidos nela, disporán dun prazo de seis meses a contar desde a aprobación desta Ordenanza para adapta-los establecementos co fin de garantir en todo momento o respecto polos niveis autorizados.
  2. Se do exame da documentación presentada resultase a imposibilidade material de axustarse ás condicións establecidas nas presentes normas ou esta puidese ser antieconómica, o Concello podería outorgar autorización de funcionamento establecendo limitacións máis severas no funcionamento da actividade co obxecto de que non se produzan molestias.
  3. En todo caso, no prazo de dous anos tódalas actividades a que se refire esta disposición deberán estar plenamente axustadas ás condicións establecidas na presente Ordenanza.

Disposición transitoria segunda.

Os establecementos públicos con licencia de instalación outorgada con anterioridade á entrada en vigor da presente Ordenanza deberán adaptarse ó disposto na mesma nos casos que seguen:

  1. Cando se realicen modificacións, ampliacións ou reformas que excedan das obras de mera hixiene, ornato ou conservación.
  2. Cando se transmita a licencia dos establecementos con illamento inferior en máis de 5dB (A) ó esixido e se impuxese no ano inmediatamente anterior algunha sanción por incumprimento dos niveis de ruído ou vibracións.
  3. Cando así se impoña como esixencia para a reapertura dos establecementos clausurados por incumprimento dos niveis fixados na Ordenanza e consonte ó procedemento establecido no título VIII.

Disposición transitoria terceira.

As actividades legalmente establecidas antes da promulgación desta Ordenanza poderán modificarse, logo da solicitude a este concello, sempre que a nova actividade estea encadrada no mesmo Grupo ou en Grupos inferiores.