Normativas Precios Blog

TÍTULO VI. RÉXIME XURÍDICO E SANCIONADOR INSPECCIÓN

Artigo 43º. Réxime de Inspección.
  1. Os donos ou persoas que se atopen á fronte das actividades comprendidas na presente Ordenanza teñen a obriga de presenta-la correspondente licencia de apertura e de facilitar ós inspectores municipais o acceso ás instalacións ou focos xeradores das molestias ou perigos, e disporán o seu funcionamento ás distintas velocidades, cargas ou marchas que lles indiquen os servicios municipais.
  2. Os servicios municipais poderán requirir en calquera momento ó titular de calquera actividade á que se refire esta Ordenanza, ou á persoa que se atope á fronte dela, a presentación das correspondentes licencias de apertura e autorización de funcionamento.
  3. Tamén poderán efectua-los servicios municipais, en calquera momento, inspeccións nos locais ou establecementos suxeitos a esta Ordenanza, mentres se atopen en funcionamento, para comproba-lo cumprimento das condicións prescritas nas licencias municipais e nas correspondentes autorizacións de funcionamento.

    As inspeccións que teñan por obxecto a medición de ruídos e/ou vibracións levaranse a cabo tanto para os ruídos emitidos coma para os transmitidos, no lugar en que o seu valor sexa máis alto e, se for preciso, no momento e situación en que as molestias sexan máis acusadas e no momento en que sexan máis desfavorables.

  4. Do resultado das inspeccións levantarase oportuna acta, a ser posible en presencia do titular. No seu caso, daráselle copia da acta ó titular ou encargado da actividade e poderase facer constar no Libro de Reclamacións.
  5. As actas que se levanten gozarán da presunción de veracidade respecto ós feitos que na mesma se declaren probados.
  6. Os funcionarios designados para efectuar labores de vixilancia e inspección medioambiental a que se contrae esta Ordenanza gozarán, no exercicio das súas funcións, da consideración de Axentes da Autoridade, estando facultados para acceder, previa identificación e sen previo aviso, ás instalacións onde se desenvolvan as actividades suxeitas á presente Ordenanza.
Artigo 44º. As visitas de inspección poderán levarse a cabo por iniciativa municipal ou logo da solicitude de calquera interesado.

As solicitudes conterán, ademais dos datos esixibles nas instancias e na lexislación que regula o procedemento administrativo, os datos precisos para realiza-la visita de inspección.

Xirada visita de inspección, os servicios municipais levantarán unha acta que reflectirá os seguintes datos:

  1. Nome dos funcionarios intervenientes na inspección e do titular da licencia ou persoa que rexenta o establecemento.
  2. Data e hora na que se practica.
  3. Se a actividade desenvolvida no establecemento se axusta ás condicións da licencia e á autorizacion de funcionamento.
  4. Se a actividade desenvolvida no establecemento se corresponde coa da licencia outorgada.
  5. Posibles deficiencias que se puidesen detectar e grao de incidencia sobre a tranquilidade e seguridade cidadá.
  6. Resultados das medicións efectuadas.
  7. Medidas que se propoñen polos servicios de inspección.
  8. Outros aspectos que se consideren de interese.
  9. Se por determinadas circunstancias non se puidese realiza-la inspección do establecemento no interior do local, tales como imposibilidade material de acceder ó recinto, aglomeracións de persoas que puidesen poñer en risco a integridade das persoas que realizan a inspección, negativa do titular ou encargado á que se practique; ou existisen dificultades para poder levala á práctica no modo proposto polos servicios municipais, entón levantarase igualmente acta na que se reflectirán as circunstancias da situación e as causas que impediron ou dificultaron a práctica da mesma. Neste caso tamén se dará copia da acta ó titular ou encargado da actividade.
Artigo 45º. Nos casos de urxencia, cando os ruídos resulten altamente perturbadores ou cando xurdan ocasionalmente por uso abusivo, deterioración ou deficiente funcionamento das instalacións, aparellos ou equipos, a solicitude da visita de inspección poderá formularse directamente perante os servicios de inspección, tanto de palabra coma por escrito.
Artigo 46º. As visitas de inspección realizaranse tendo en conta as características do ruído e das vibracións. Para tal fin, as medicións relativas a ruído obxectivo realizaranse logo da citación ó responsable do foco ruidoso. As medicións relativas a ruído subxectivo practicaranse sen o coñecemento do titular, sen prexuízo de que, neste último caso, poida ofrecerse ó responsable do foco ruidoso unha nova medición na súa presencia e para o seu coñecemento.

TIPIFICACIÓN DE INFRACCIÓNS

Artigo 47º. Consideraranse como infraccións administrativas os actos e omisións que contraveñan as normas contidas nesta Ordenanza respecto ós focos contaminadores do medio ambiente, ruídos e vibracións e ó mal uso das licencias.

Para os efectos desta Ordenanza, con suxeición ó establecido na Lei 7/1997 de 11 de agosto, de Galicia de protección contra la contaminación acústica, na Disposición Adicional Quinta da Lei 31/1990, artigos 32, 37 e 42.3.b) da Lei 14/1986, no artigo 129.3 da Lei 30/1992, artigos 30.1, 26.j), 29.2 e 30 de Lei Orgánica 1/1992, Lei 42/1975 e Decreto 2107, do 16 de agosto de 1968, clasifícanse as faltas en leves, graves e moi graves, segundo a tipificación que se realiza na presente Ordenanza.

A reincidencia na comisión de dúas faltas leves no prazo dun ano dará lugar a unha falta grave. Os casos de dúas faltas graves darán lugar a unha falta moi grave.

RÉXIME SANCIONADOR CAPÍTULO 1º. DISPOSICIÓNS ESPECÍFICAS.

Artigo 48º. Infraccións ós niveis de perturbacións por ruídos e vibracións.
  1. Considéranse infraccións leves:
    1. A superación de niveis de ruídos permitidos no exterior en 5 dB(A).
    2. Supera-los niveis de inmisión ata 1 dB(A).
    3. Transmitir niveis de vibración correspondentes á curva base inmediatamente superior á máxima admisible para cada situación.
  2. Considéranse infraccións graves:
    1. A superación de niveis de ruído permitidos no exterior en máis de 5 dB(A), dos valores límite admitidos.
    2. Supera-los niveis de inmisión ata 3 dB(A).
    3. Transmitir niveis de vibración correspondentes a dúas curvas base inmediatamente superiores á máxima admisible para cada situación.
  3. Considéranse infraccións moi graves:
    1. A superación de niveis de ruído permitidos no exterior en 15 dB(A).
    2. Supera-los niveis de inmisión en máis de 3 dB(A).
    3. Transmitir niveis de vibración correspondentes a máis de dúas curvas base inmediatamente superiores á máxima admisible para cada situación.
  4. O disposto na presente artigo é aplicable con carácter xeral a tódalas conductas ou actividades productoras de ruídos que non se atopan regulamentadas noutra disposición específica da presente Ordenanza.
Artigo 49º. Infraccións ás condicións esixibles ós establecementos industriais, comerciais e de servicios.
  1. Considéranse infraccións leves:
    1. A instalación de portas metálicas, persianas de protección, motores e mecanismos de arrastre en garaxes ou locais sen sistema de amortecemento de impactos.
  2. Considéranse infraccións graves:
    1. A instalación ou uso de portas metálicas, motores e mecanismos de arrastre en garaxes ou locais sen sistema de amortecemento de impactos, cando fose requirido anteriormente para a reparación da deficiencia.
Artigo 50º. Infraccións leves.

Son infraccións que constitúen faltas leves as seguintes:

  1. Non ter no local o Libro de Reclamacións.
  2. Non instalar en lugar visible na fachada a placa identificativa do número de licencia, data do seu outorgamento, categoría ou Grupo a que corresponde a actividade, a cabida do local e mailo nivel de emisión interna permitido.
  3. Exerce-la actividade por persoa distinta, cando se teña producido a legalización da actividade mediante a comunicación á Administración da transmisión da licencia na forma prevista nesta Ordenanza e dentro dos prazos concedidos.
  4. Non comunicar á Administración inmediatamente que o precinto non se atopa nas debidas condicións, sempre que iso non afecte á eficacia do precinto.
  5. Sobrepasa-los niveis de emisión interna cando non fose constitutivo de falta grave ou moi grave.
  6. Sobrepasa-lo nivel transmitido admisible cando non fose constitutivo de falta grave ou moi grave.
  7. As restantes non cualificadas como falta grave ou moi grave, asimilables á clasificación que lles corresponda.
Artigo 51º. Infraccións Graves.

Son infraccións que constitúen faltas graves as seguintes:

  1. Supera-lo local os niveis de cabida.
  2. Non dispoñer das medidas de seguridade esixidas en licencia.
  3. O exercicio dunha actividade pertencente a Grupo de clasificación distinto ó que figura na licencia autorizada.
  4. A instalación e uso sen licencia de aparellos de música ou videomusicais, utilización de instrumentos musicais, etc., no interior de locais.
  5. Instalación e uso de aparellos de reprodución de música no exterior dos establecementos a que se refire esta Ordenanza.
  6. A ocupación da vía pública con mesas, cadeiras, etc., no exterior dos establecementos carecendo da debida autorización municipal.
  7. A instalación e uso de aparellos de reprodución de música nas terrazas do exterior do establecemento carecendo de autorización.
  8. Non dispor ou ter inutilizado o verquido de aire, tanto para aire acondicionado coma para ventilación forzada, caso de estar obrigado.
  9. O verquido de fume ou gases sen axustarse ás condicións establecidas nesta Ordenanza.
  10. Carecer do Libro de Reclamacións.
  11. Non facilitar ós servicios municipais o Libro de Reclamacións.
  12. Impedir que os servicios municipais poidan facer constar no Libro de Reclamacións o resultado das respectivas visitas.
  13. Obstruír ou obstaculiza-los labores de inspección dos servicios municipais.
  14. Non presentar ós servicios municipais, cando fosen requiridos para iso, a correspondente licencia de apertura ou autorización de funcionamento.
  15. Non proceder, dentro do prazo establecido, á retirada de aparellos móbiles do establecemento cando o seu titular fose requirido para iso.
  16. Non comunicar inmediatamente ó Concello a desaparición, ruptura ou calquera outra circunstancia que non garanta a eficacia do precinto.
  17. Exerce-la actividade sen te-las portas ou fiestras pechadas a partir das 22 horas.
  18. Permitir sacar vasos, envases, etc., do local.
  19. A exhibición ó público de productos alcohólicos nos locais comprendidos nos Grupos II, III e IV durante o horario de funcionamento para actividades xuvenís, en franxa horaria de 18 a 22 horas.
  20. A instalación de billares, futbolíns, máquinas comecartos ou similares sen autorización.
  21. Non limpa-la parte de vía estremeira co establecemento unha vez rematado o exercicio da actividade.
  22. Sobrepasa-los niveis de emisión interna en 5 dB(A).
  23. Excede-lo nivel transmitido admisible en 5 dB(A).
  24. A comisión de dúas faltas leves no prazo dun ano.
Artigo 52º. Infraccións moi graves.

Son infraccións que constitúen faltas moi graves as seguintes:

  1. A reincidencia por dúas faltas graves, no prazo dun ano.
  2. Exercer unha actividade nun local que non dispón de licencia municipal de apertura.
  3. Exerce-la actividade sen obte-la autorización de funcionamento.
  4. Exercer unha actividade nun establecemento cando a súa licencia se atope retirada, provisional ou definitivamente, ou se atope caducada.
  5. Carece-lo local dos equipos de protección e/ou do número legal de extintores de incendios ou non telos en condicións de uso ou funcionar sen sonógrafo ou con el avariado.
  6. Obstruír saídas de emerxencia ou o non funcionamento das portas antipánico, a manipulación de materias perigosas ou outras accións que poidan poñer en perigo real a integridade das persoas que concorran ó local.
  7. Carece-lo local dos equipos de protección e/ou do número legal de extintores de incendios ou non telos en condicións de uso.
  8. Supera-lo local os niveis de cabida en máis do 30% ou cando fosen denunciados por falta grave.
  9. Exerce-la actividade persoa distinta do titular da licencia e, despois de ter sido requirido, non proceder a tramita-lo cambio de titularidade.
  10. Exerce-la actividade persoa distinta do titular da licencia cando, ademais, concorran outras causas de incumprimento de obrigas de especial gravidade ou incidencia notoria no medio ambiente sonoro, no modo definido na presente Ordenanza.
  11. O exercicio da actividade pertencente a Grupo de clasificación distinto desta Ordenanza cando esta circunstancia concorra con outras causas de incumprimento de obrigas tales como reincidencia, reiteración dos feitos, especial gravidade de incumprimento ou incidencia notoria no medio ambiente sonoro na forma definida nesta Ordenanza.
  12. Impedi-los labores de inspección dos servicios municipais.
  13. A reinstalación de aparellos móbiles no establecemento cando o seu titular teña sido obrigado a retiralos ou a instalación de aparellos de similares características mentres non obtivese a autorización para facelo.
  14. A manipulación, alteración, deterioración, ruptura, etc., de precintos por parte do seu titular.
  15. A posta en funcionamento do aparello, sistema ou establecementos precintados sen obte-la previa autorización.
  16. A retirada ou desconexión dos sonógrafos, limitadores de niveis de son, sistemas de contabilización de cabida do local cando a súa instalación teña sido expresamente establecida, así como a manipulación ou calquera outra actividade encamiñada a evita-la eficacia do sistema ou o acceso ós datos rexistrados.
  17. Impedir ós servicios municipais o acceso ós datos contidos en sonógrafos, limitadores ou outros aparatos a instalación dos cales teña sido decretada polo Concello.
  18. Non ter instalada unha dobre porta cando resultase obrigatorio.
  19. Non evitar que o público efectúe as súas consumicións fóra do establecemento ou na vía pública, agás os casos expresamente autorizados.
  20. Incumpri-los horarios de peche nos locais, especialmente en horas nocturnas.
  21. Non impedi-lo acceso a menores nos locais comprendidos nos Grupos II, III, IV e V, excepto nos supostos especificamente autorizados, ou expenderlles consumicións con alcohol.
  22. Sobrepasa-los 25 db(A) de niveis de emisión interna dende o momento do peche ata as 8 horas a.m.
  23. Sobrepasa-lo nivel transmitido admisible en 10 dB(A).

CAPÍTULO 2º. DISPOSICIÓNS XENÉRICAS.

Artigo 53º. Sancións.

Sen prexuízo das medidas provisionais contempladas no artigo 57, con carácter xeral, especifícanse as seguintes sancións, dentro dos límites máximos de ata 2.500.000

pesetas, establecidas na Disposición Adicional Quinta da Lei 31/1990, ou de 1.000.000 de pesetas, establecido na Lei 42/1975, do 19 de novembro, ou de 100.000 pesetas, da Lei 1/1992:

  1. As faltas leves sancionaranse con multa de 10.000 pesetas ata 250.000 pesetas e /ou cesamento da actividade de 1 a 4 días.
  2. As faltas graves sancionaranse con multas de 250.001 pesetas ata 1.500.000 pesetas e/ou cesamento da actividade de ata 6 meses, con precinto, se fose procedente.
  3. As faltas moi graves sancionaranse con multa de 1.500.001 ata 10.000.000 de pesetas e/ou con cesamento da actividade por espacio de tempo superior a 6 meses, con precinto, se fose procedente, ou revogación da licencia municipal outorgada.

As sancións que causen o cesamento da actividade non supoñen que unha vez cumprido o tempo de sanción esta poida reanudarse se persisten as causas da sanción, debendo aplicarse as medidas correctoras que se impoñan.

O incumprimento das prescricións establecidas na presente Ordenanza será constitutivo de infracción administrativa e determinará a imposición das sancións correspondentes.

Artigo 54º. Persoas responsables.
  1. Con carácter xeral, son persoas responsables das infraccións ás normas desta Ordenanza os causantes da perturbación ou, no seu caso, as persoas de quen dependan ou os titulares da actividade productora das molestias.
Artigo 55º. Procedemento.
  1. As faltas que dean lugar a sanción tramitaranse mediante incoación do correspondiente expediente sancionador, que seguirá o disposto na Lei 30/1992 e no R.D. 1398/93, que aproba o Regulamento de procedemento para o exercicio da potestade sancionadora ou normas que o substitúan.
  2. Non obstante, para a imposición de sancións leves non será preceptiva a previa instrucción de expediente a que se refire o parágrafo anterior, sen prexuízo do trámite de audiencia ó interesado, que deberá cumprirse en todo caso.
  3. Nos casos de falta grave e moi grave poderá decretarse a suspensión temporal da actividade de forma cautelar en tanto non se resolva o expediente sancionador.
Artigo 56º. Graduación das sancións.

Na imposición de sancións deberase garda-la debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada, considerándose especialmente os seguintes criterios para a graduación da sanción a aplicar:

  1. A inexistencia de intencionalidade. Para estes efectos, presúmese a intencionalidade da conducta do titular cando se teña producido requirimento ou invitación previa por parte da Administración para que adopte determinadas medidas ou cesamento na producción das molestias. Neste aspecto, considerarase o grao de colaboración dos titulares da actividade para elimina-las molestias.
  2. A existencia de reiteracion nos feitos. Considérase reiteración a producción de molestias no exercicio da actividade periódica ou frecuentemente repetida no tempo, en contraposición ó carácter ocasional da infracción.
  3. A natureza dos prexuízos causados. Neste campo, tomarase en consideración o carácter illado ou repetitivo da molestia producida, o seu grao de incidencia no medio ambiente sonoro, o grao de difusión de ruídos e/ou vibracións a locais inmediatos, a duración e intensidade da exposición da molestia no tempo, o número de afectados, etc.
  4. A reincidencia, por comision, no termo dun ano, de máis dunha infraccion da mesma natureza cando así teña sido declarado por resolución firme.
Artigo 57º. Medidas provisionais compatibles co exercicio da potestade sancionadora.
  1. Coa finalidade de asegura-la eficacia da resolución que puidese recaer no bo fin do procedemento, evita-lo mantemento dos efectos da infracción e garanti-los niveis de seguridade e/ou tranquilidade cidadá, o órgano competente para inicia-lo procedemento sancionador poderá adoptar en calquera momento do procedemento, mediante acordo motivado, as medidas de carácter provisional que resulten necesarias, incluída a clausura provisional da actividade.
  2. O cumprimento ou execución das medidas de carácter provisional ou das disposicións cautelares que, no seu caso, se adopten compensaranse, cando sexa posible, na sanción imposta.
Artigo 58º. Caducidade e revogación da licencia.
  1. Quedan sen efecto as licencias de apertura e funcionamento das actividades incluídas nesta Ordenanza, nos seguintes supostos:
    1. Unha vez transcorridos seis meses dende a concesión da autorización de funcionamento sen que se iniciara o exercicio da actividade.
    2. Unha vez transcorridos seis meses dende a retirada temporal da licencia, cando non se abrira ó público nas condicións regulamentarias.
    3. Cando, trancorridos seis meses dende que se fixera o requirimento por parte do Concello para a acometida de obras de adaptación no local, estas non se fixeran.
    4. Cando o establecemento estivese máis de seis meses pechado ó publico sen causa xustificada da que teña coñecemento a administración.
    5. Cando o titular se dea de baixa en calquera dos impostos municipais, autonómicos ou locais relacionados coa actividade ou se dese de baixa en servicios de calquera natureza indispensables para o exercicio da mesma (auga, lixo, etc.).
    6. (Este apartado anulouse en virtude de sentencia dictada pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o día dezaseis de maio de dous mil dous, no proceso contencioso-administrativo núm. 02/0004447/1998, interposto pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo).
    7. Por falecemento do titular ou por extinción da forma xurídica do titular da mesma, en caso de sociedades ou comunidades de bens, agás cando se transmita a un terceiro.
  2. Procederá á revogación da licencia nos seguintes supostos:
    1. Nas infraccións moi graves, cando se produza reincidencia ou así se recolla no cadro de sancións.
    2. Cando existan sentencias xudiciais relativas a tráfico de drogas, venda de alcohol a menores ou graves alteracións de orde pública.