Normativas Precios Blog

Disposicións adicionais

Disposición adicional primeira. Outras competencias.

O réxime que establece a presente Ordenanza enténdese sen prexuízo das intervencións que corresponden a outros organismos na esfera das súas respectivas competencias.

Disposición adicional segunda. Modificacións.

As modificacións que sexa necesario introducir na Ordenanza axustaranse ós mesmos trámites seguidos para a súa formulación e aprobación. As adaptacións dos seus preceptos a futuras normas nacionais ou internacionais sobre a materia levaranse a cabo directamente mediante decreto.

Disposición adicional terceira. Outras actividades.

Ós outros tipos de actividades molestas non contempladas especificamente na presente Ordenanza (talleres, panaderías e pastelerías -con fabricación-, carnicerías e outras de natureza semellante) esixiráselles unha insonorización mínima de 60 dB (A).

Disposición adicional cuarta. MEDICIÓNS.

Cando, efectuada unha medición polos servicios municipais, se produza contradicción entre o nivel rexistrado no sonógrafo e as medidas obtidas, logo da repetición da medición, prevalecerán estas últimas.

Disposición adicional quinta.

A soa solicitude da licencia de actividade non prexulga unha resolución autorizatoria, polo tanto, non se poderá comeza-lo exercicio da actividade sen que o interesado estea en posesión da devandita licencia ou de calquera outra autorización municipal para o exercicio da mesma.

Disposición adicional sexta.

As distancias mínimas entre locais destinados ó exercicio das actividades reguladas pola presente Ordenanza serán as seguintes:

  1. Para os locais comprendidos no GRUPO I, non se fixan distancias mínimas, se ben, como regra xeral, só poderán instalarse unha destas actividades por edificación.
  2. Para os locais comprendidos nos GRUPOS II, III e IV, a distancia mínima será de 25 m.
  3. Nos locais do Grupo V, só se permitirá unha actividade por rúa, sempre que a equidistancia con outros do mesmo Grupo sexa, cando menos, de 500 m.
  4. A medición das distancias farase entre os dous puntos máis próximos á líña de propiedade dos establecementos.

Disposición adicional séptima.

Para os efectos de concesión de licencias, establécense como zonas saturadas, nas que non se concederán licencias de actividade, as seguintes:

  1. ZONA CENTRO, que comprenderá as seguintes vías:
    • Rúa do Campo Castelo
    • Rúa das Norias
    • Rúa dos Clérigos
    • Rúa Bo Xesús
    • Rúa da Catedral e Praciña da Universidade (antes rúa Catedral).
    • Rúa Bispo Basulto
    • Rúa Falcón
    • Rúa do Miño
    • Rúa Recatelo
    • Rúa Nova
    • Rúa Tinería
    • Praza Arquitecto Fernando Casas Novoa (antes Alférez Provisional)
    • Praza do Campo
    • Praza Fillos Antón de Marcos
    • Rúa Vía Romana
    • Carril do Son
    • Travesía Deán Fernández Varela
  2. ZONA DE RAMÓN FERREIRO, que abranguerá as seguintes vías:
    • Rúa Armórica
    • Rúa Cornubia
    • Praza da Liberdade
    • Rúa Celso Emilio Ferreiro
    • Rúa Galicia
    • Rúa Irmáns Vilar Ponte
    • Rúa Salvador de Madariaga
    • Rúa Doutor Fleming
    • Rúa San Roque
    • Rúa Mariña Española
  3. ZONA DA ESTACIÓN
    • Rúa Miguel de Cervantes

Nas zonas declaradas saturadas non se permitirá a reclasificación ou cambio de Grupo que implique ampliación de horario de funcionamento.

Disposición adicional octava.

Para os efectos da correcta aplicación da presente ordenanza, establécese unha Comisión de Seguimento, onde estarán representados tódolos sectores interesados, que se reunirá, cando menos, unha vez por semestre ou cando así se solicite, polo menos, por un tercio do número legal de membros dela e que, presidida polo Ilmo. Sr. Alcalde, e cun número impar de membros, terá a composición que se determine por acordo do Pleno do Concello.

A dita comisión será a encargada de propoñer á Comisión de Goberno a ampliación, reducción ou modificación das zonas saturadas, así como da variación das vías incluídas nelas.