Normativas Precios Blog

TÍTULO III. CONDICIÓNS ESIXIBLES Á EDIFICACIÓN, CONSTRUCCIÓN, E ESTABLECEMENTOS INDUSTRIAIS, COMERCIAIS E DE SERVICIOS

Artigo 14º.

A medición do illamento acústico esixido ás distintas particións e solucións constructivas que compoñen os diversos recintos das edificacións realizarase seguindo as prescricións establecidas na Norma UNE 74-040 (BOE número 242/88).

Artigo 15º.
  1. As condicións acústicas esixibles ós diversos elementos constructivos que compoñen a edificación serán as determinadas no capítulo III da Norma Básica de edificación sobre condicións acústicas (NBE-CA-88).
  2. Exceptúanse do apartado anterior os forxados constitutivos do primeiro andar da edificación cando dita planta sexa de uso residencial e no baixo poidan localizarse, de acordo co planeamento municipal, usos susceptibles de producir molestias por ruídos ou vibracións.

    Nestes casos, o illamento acústico do ruído aéreo esixible será de 55 dB(A), xustificándose o dimensionamento do forxado no proxecto constructivo.

Artigo 16º. Certificado de final de obras.

A partir da presentación do correspondente certificado de fin de obra, o Concello comprobará o cumprimento das prescricións establecidas no presente título.

Sen o informe favorable do cumprimento dos requisitos acústicos esixidos, non se concederá a licencia de primeira ocupación ou funcionamento da actividade.

Artigo 17º. Solucións constructivas.

Para os efectos dos límites fixados no artigo 13º sobre protección de ambiente exterior, teranse en conta as seguintes prescricións:

Primeira: En tódalas edificacións, a solución constructiva dos cerramentos exteriores dotados ou non de illamento acústico proporcionará unha atenuación global mínima para os ruídos aéreos de 45 dB, no intervalo de frecuencias comprendidas entre 100 e 3.150 Hz.

Segunda: Os elementos constructivos e de insonorización e os recintos en que se aloxen actividades e instalacións industriais, comerciais e de servicios deberán posuír capacidade suficiente de atenuación acústica para o exceso de intensidade sonora que se orixine no interior dos mesmos e incluso, se fora necesario, disporán de sistemas de aireación inducida ou forzada que permitan pecha-los ocos ou fiestras existentes ou proxectados. En calquera caso, as discotecas, salas de festas ou baile e cafeterías, bares, restaurantes, etc., que dispoñan de equipo de música ambiental ou aparellos de música de utilización pública deberán dotarse dun sistema eficaz de insonorización en paramentos e teitos.

Terceira: Deberán amortecerse as portas metálicas de garaxes ou locais e as persianas de protección que produzan un impacto ó pecharse que poida molestar ós veciños. De igual xeito, os motores e mecanismos de arrastre.

Artigo 18º. Valoración dos niveis de sonoridade.

A valoración dos niveis de sonoridade que establece a Ordenanza axustarase ás seguintes normas:

Primeira: A medición levarase a cabo, tanto para os ruídos emitidos coma para os transmitidos, no lugar en que o seu valor sexa máis alto e, se fose preciso, no momento e situación en que as molestias sexan máis acusadas.

Segunda: Os donos, posuidores ou encargados dos xeradores de ruídos terán que facilitar ós funcionarios municipais habilitados para a inspección o acceso ás súas instalacións ou focos de ruído e disporán o seu funcionamento ás distintas velocidades, cargas ou marchas que lles indiquen ditos funcionarios. Así mesmo, poderán presencia-lo proceso operativo e asesorarse cos técnicos que consideren procedentes. Este persoal municipal, no exercicio das funcións previstas nesta Ordenanza, gozará da condición de axente da autoridade.

Artigo 19º. Documentación precisa. Proxectos.

Nos proxectos de instalación de actividades afectadas polo Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, xuntamente coa solicitude de licencia de apertura, presentarase un estudio que xustifique as medidas correctoras previstas para que a emisión e a transmisión dos ruídos xerados polas distintas fontes sonoras cumpran as prescricións desta Ordenanza.

Este estudio xustificativo desenvolverá, como mínimo, os aspectos que se establecen nos seguintes apartados:

(A) En caso de ruído aéreo:

  1. Identificación das fontes sonoras máis destacables da actividade e valoración do nivel acústico das mesmas (NEI).
  2. Localización e descrición das características da zona máis probable de recepción do ruído orixinado na actividade, sinalando expresamente os límites legalmente admisibles en dita zona (NR).
  3. Valoración, en función dos datos anteriores, da necesidade mínima de illamento acústico fronte ó ruído aéreo.
  4. Deseño da instalación acústica proposta, con descrición dos materiais utilizados e dos detalles constructivos da súa montaxe.
  5. Xustificación analítica da validez da instalación proposta.

(B) No caso de ruído estructural por vibracións:

  1. Identificación da máquina ou instalación conflictiva, detallando as súas características fundamentais (carga e frecuencia).
  2. Descrición do antivibrador seleccionado e cálculo analítico onde se aprecie a porcentaxe de eliminación da vibración obtida coa súa instalación.
  3. Detalle gráfico onde se aprecien as características da súa montaxe.

(C) En caso de ruído estructural por impactos:

  1. Descrición da natureza e características físicas dos impactos.
  2. Valoración da posible transmisión dos impactos ós recintos lindeiros.
  3. Descrición da solución técnica deseñada para elimina-la transmisión estructural dos ditos impactos.
  4. Detalle gráfico onde se aprecien as características da solución adoptada.
Artigo 20º. Estudio de impacto ambiental (E.I.A.).

Enténdese por impacto ambiental a alteración sobre o medio ambiente, a saúde e o benestar da poboación provocada pola execución dun proxecto respecto á situación existente de non se executa-lo devandito proxecto.

O concepto de E.I.A. refírese ós estudios que se efectúan co obxecto de identificar, predicir e sobre todo previ-las consecuencias e os efectos ambientais orixinados pola implantación dunha nova actividade nunha zona urbana catalogada como protexida. Resumindo, trátase de analiza-las variables ambientais, establece-las súas relacións, interpreta-los resultados e valora-las consecuencias.

Para elabora-lo E.I.A. en relación co ruído, procédese, en primeiro lugar, a recompilar toda a información referente ó proxecto, describi-las accións susceptibles de producir ruídos e os efectos que poden provocar no medio ambiente. Nunha segunda fase, identifícanse e valóranse os impactos e propóñense as medidas correctoras adecuadas.