Normativas Precios Blog

TÍTULO V. OBRIGAS DOS TITULARES DE ACTIVIDADES EXERCICIO IRREGULAR DA ACTIVIDADE

Artigo 36º. Deberes xenéricos.

Os titulares das licencias veñen obrigados a:

  1. Exerce-la actividade nos termos establecidos na correspondente licencia de apertura ou autorización de funcionamento e, en todo caso, a axustala ós limites previstos na presente Ordenanza.
  2. Exerce-la actividade coa dilixencia debida para evita-la produción de molestias a usuarios e veciñanza.
  3. A cumpri-las ordes individuais que lles poida dirixi-la Administración municipal a fin de evita-la produción de perturbacións por ruídos e/ou vibracións, especialmente durante o horario nocturno.
Artigo 37º. Deberes específicos.
  1. Constitúen deberes específicos dos titulares das actividades reguladas por esta Ordenanza, os seguintes:
    1. Adoptar, durante as horas de funcionamento da actividade -especialmente durante o horario nocturno-, as medidas oportunas para evitar que o publico efectúe as súas consumicións fóra do establecemento ou na vía pública. Quedan exceptuados desta obriga os establecementos que teñan autorizado o funcionamento de terrazas na vía pública, sempre que se acomoden ás prescricións da súa respectiva autorización ou licencia.
    2. Exerce-la actividade coas portas e fiestras pechadas, evitando a propagación de ruídos e sons ó exterior.
    3. Impedi-la superación dos niveis de capacidade do local establecidos.
    4. Cumpri-los horarios de peche dos locais de lecer. Unha vez que se teña superado o horario de peche establecido pola Autoridade Gobernativa correspondente para as distintas actividades, impóñense as seguintes obrigas:
      1. Non poderá volver a abrir ó público nas oito horas seguintes dende a hora do peche.
      2. Non poderá seguir funcionando ningún instrumento ou aparello musical (radio, televisión, magnetófonos, tocadiscos, altofalantes, pianos, etc.) dentro ou fóra do local.
      3. Dende o momento do peche ata as 8 horas a.m., os Niveis de Emisión Interna (N.E.I.) non poderán sobrepasa-los 25 dB(A).
    5. Prohibir e impedi-lo acceso a menores nos locais sen a compañía dos seus pais ou persoas responsables, agás nos supostos nos que se autorice especificamente o seu funcionamento para actividades xuvenís, nos Grupos II, III e IV, en franxa horaria de 18 a 22 horas, con prohibición absoluta de venda e exhibición de alcohol.
    6. Impedi-la saída de persoas do local portando botellas, envases ou vasos, calquera que sexa a súa composición e características (cristal, plástico, cartón, etc.).
    7. Ter no local o Libro de Reclamacións, facilitalo ós servicios municipais e non impedir que no mesmo os inspectores volquen os resultados da inspección.
    8. Non instalar no local, se non está expresamente autorizado, futbolíns, billares, máquinas recreativas que poidan producir ruídos de impacto, lampexos luminosos ou calquera outro aparello que poida producir molestias ou ruídos.
    9. Deberán proceder á limpeza da zona da vía pública estremeira co seu establecemento, unha vez finalizado o seu horario de actividade.
  2. O titular da licencia será o responsable do mantemento da orde, tanto no local coma nos seus accesos.
  3. O titular da licencia ou, no seu caso, o encargado do establecemento estarán obrigados a colaborar cos servicios de inspección e cos axentes da autoridade no cumprimento das súas misións, facilitándolle-lo acceso ás instalacións, dispoñendo o funcionamento dos elementos xeradores de ruídos ás distintas velocidades, cargas ou marchas que se lles indiquen.

EXERCICIO IRREGULAR DA ACTIVIDADE

Artigo 38º. Establecemento onde se exerce unha actividade sen licencia.
  1. Para os efectos previstos neste artigo, considérase que nun establecemento se exerce unha actividade sen licencia nos seguintes casos:
    1. Cando o local de referencia non dispón de licencia municipal de apertura.
    2. Cando, aínda tendo o local licencia municipal de apertura, sen embargo a actividade é exercida por outra persoa distinta á do titular da licencia. Para estes efectos, presúmese que a actividade desenvolvida no local é exercida pola persoa que figura de alta no Imposto de Actividades Económicas.
    3. Cando se exerce unha actividade nun establecemento coa licencia retirada, provisional ou definitivamente, ou caducada.
  2. Cando se detectase que nun establecento se está exercendo unha actividade sen licencia, e ante o risco que implica a apertura e funcionamento dun local de pública concorrencia, sen prexuízo das matizacións que máis abaixo se deixan expresadas, adoptaranse, con carácter xeral, as seguintes medidas-tipo:
    1. Incoarase expediente sancionador fronte á persoa que veña exercendo a actividade.
    2. Poderase dispor, como medida cautelar, o cesamento provisional da actividade de forma inmediata, podendo ser executado forzosamente polo Excmo. Concello de Lugo, quen terá que advertir desta circunstancia na orde de peche.
    3. Concederáselle á persoa que vén exercendo clandestinamente a actividade, e sen prexuízo para o seu inmediato cesamento, un prazo de dez días para que alegue o que teña por conveniente ó seu dereito.
Artigo 39º. Establecemento que non se axusta á actividade para a que conta con licencia.
  1. Para os efectos previstos neste artigo, considérase que un establecemento cambiou de actividade cando a desenvolvida efectivamente no local non se corresponda total ou parcialmente coas actividades amparadas por licencia e, á súa vez, tales actividades teñan encaixe nun Grupo de clasificación distinto conforme ó RAMINP ou Grupo de clasificación distinto desta mesma Ordenanza.
  2. Cando se detectase que a actividade desenvolvida no establecemento non se correspondese coa da licencia de apertura concedida, adoptaranse as seguintes medidas-tipo:
    1. Incoarase expediente sancionador.
    2. Como medida provisional, poderase ordenar ó seu titular para que, de forma inmediata, cese no exercicio da actividade efectivamente desenvolvida no local para o que non conta con licencia.
    3. Concederáselle ó titular un prazo de dous meses para que no mesmo solicite licencia de apertura para a actividade efectivamente desenvolvida no local ou, noutro caso, para que efectúe o necesario no establecemento a fin de axusta-lo exercicio da actividade ó amparado pola licencia.
  3. Sen prexuízo do expediente sancionador que puidese incoarse, se dentro do prazo concedido o titular realizase no establecemento as obras ou actos necesarios para axusta-lo exercicio da actividade ó da licencia concedida, e sempre que estas fosen suficientes a xuízo dos servicios técnicos municipais, alzaranse as medidas adoptadas, permitíndose o exercicio da actividade autorizada en licencia.
  4. Transcorrido o prazo anteriormente concedido sen que o requirido houbese formulado alegacións ou efectuado as adaptacións necesarias para axusta-lo exercicio da actividade ó contido da licencia, en tal caso impedirase definitivamente o exercicio da actividade que non conta con licencia.
Artigo 40º. Reincidencia e circunstancias agravantes.

Enténdese por reincidencia a comisión no termo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza, cando así teña sido declarado por resolución firme.

Son circunstancias agravantes:

  1. A reiteración nos feitos, consistentes na produción de molestias no exercicio da actividade periódica ou frecuentemente repetida no tempo que teñan sido detectadas con anterioridade polos servicios municipais nos seis meses anteriores.
  2. A especial gravidade do incumprimento, o carácter repetitivo (non illado) da molestia producida, o grao de difusión de ruídos e/ou vibracións a locais inmediatos, a duración, intensidade e/ou persistencia da exposición da molestia no tempo, incumprimento da capacidade do local, incumprimento de condicións do local que poidan poñer en perigo a seguridade das persoas, exercicio da actividade con portas ou fiestras abertas, etc.
  3. A incidencia notoria no medio ambiente sonoro, o número de afectados e a repercusión no descanso dos veciños.
Artigo 41º. Precinto ou retirada de aparellos ou instalacións.
  1. Cando se houbese disposto a limitación ou inutilización dalgún aparello, sistema, instalación, etc. ou o cesamento dalgunha actividade desenvolvida no propio establecemento, poderase ordena-la retirada ou precintado dos mesmos.
  2. Cando se ordene a retirada de aparellos móbiles do establecemento, o titular vén obrigado a facelo no prazo que se lle sinale e a non volver a reinstalalos, xa sexa o mesmo aparello ou outro de similares características, ata que non obteña a autorización para facelo.

    A reinstalación de aparellos sen a debida autorización será constitutiva de infracción moi grave.

  3. O precinto dos aparellos, sistemas, instalacións, etc. poderá ordenarse, ben para limitalo seu uso e/ou intensidade, ben para impedilo. O precinto consistirá nun sistema que poderá revestir diversas formas (papel ou cinta adhesiva, cordal, arame, selo, etc.) e instalarase de forma ben visible.
  4. O titular da actividade vén obrigado especialmente a manter en debidas condicións o estado do precinto e a comunicar á Administración inmediatamente a súa desaparición, ruptura ou calquera outra circunstancia que non garanta a eficacia do mesmo.
  5. Non se poderá retira-lo precinto sen previa autorización municipal. Non obstante, o titular pode solicitar da Administración municipal que se levante o precinto co obxecto de efectua-las adaptacións, reparacións, etc., necesarias, e, nese caso, a Administración poderá autorizalo. Neste caso, o titular vén obrigado a comunicar inmediatamente ós servicios municipais o momento en que se teña producido a emenda da deficiencia. Non se poderá poñer en funcionamento o aparello ou sistema precintado durante o horario de actividade en tanto non se comprobe o seu grao de eficacia e sexa autorizado polos servicios municipais.

    A posta en funcionamento do aparello ou sistema precintado durante o horario da actividade sen a previa autorización será constitutiva de infracción moi grave.

  6. Con independencia das responsabilidades penais en que se puidese incorrer, a manipulación, alteración, deterioración, ruptura, etc., de precintos será constitutiva de infracción moi grave. Presúmese que a actuación sobre o precinto ten sido executada polo titular ou persoal ó seu cargo no establecemento cando se atope en zona á que non teña acceso o público.
Artigo 42º. Precinto de locais.
  1. Cando se dispuxese o cesamento, provisional ou definitivo, de tódalas actividades que se desenvolven nun establecemento ou ben a súa clausura, poderase ordena-lo precintado do local.
  2. O precintado dun local ten por obxecto impedi-lo seu uso para a actividade concreta que se pretende impedir. O precinto consistirá nun sistema que poderá revestir diversas formas (papel ou cinta adhesiva, cordal, arame, selo, etc.) e instalarase de xeito ben visible.
  3. O titular da actividade e/ou do local veñen obrigados especialmente a manter en debidas condicións o estado do precinto e a comunicar á Administración inmediatamente a súa desaparición, ruptura, ou calquera outra circunstancia que non garanta a eficacia do mesmo. O incumprimento desta obriga será constitutiva de infracción leve.
  4. Non se poderá retira-lo precinto sen previa autorización municipal. Non obstante, o titular pode solicitar da Administración municipal que se levante o precinto co obxecto de efectua-las adaptacións, reparacións, etc., necesarias ou retirar obxectos, e, nese caso, a Administración poderá autorizalo. Neste caso, o titular vén obrigado a comunicar inmediatamente ós servicios municipais o momento en que se teña producido a reparación da deficiencia. Non se poderá abri-lo establecemento ó público en tanto non se conceda autorización de funcionamento.
  5. A apertura dun establecemento carecendo da previa autorización será constitutiva de infracción grave.
  6. Con independencia das responsabilidades penais en que se puidese incorrer, a manipulación, alteración, deterioración, ruptura, etc., de precintos será constitutiva de infracción grave.